ETAPA 4

SANTIAGO - SANTIAGO - 2017

Martín Lestido devolve ao Froiz a coroa da Volta a Galicia

O ciclista de Padrón defendeu durante tres etapas a renda obtida na contrareloxo inicial.

O pelotón chegou esgotado á etapa final de Santiago e apenas puxo en risco a camisola do líder.

O ciclista padrónes Martín Lestido proclamouse gañador da XVI Volta a Galicia que este domingo concluíu en Santiago de Compostela. Coa súa vitoria devolve a coroa da rolda galega ao equipo pontevedrés do Supermercados Froiz que non a conseguía desde o ano 2010. O Froiz suma o seu sexto triunfo nesta clásica desde que adquiriu a súa categoría como proba elite e sub23 sendo o equipo máis laureado da mesma.

A última das catro etapas, con saída e chegada na capital de Galicia non deparou sorpresas na clasificación e acabou resolvéndose ao esprín con vitoria do ruso Alexsandr Grigoriev (Diputación de León) que só puido rabuñar un segundo ao líder na meta.

Máis dun centenar de corredores tomaron parte na cuarta e definitiva xornada de 130 quilómetros de distancia. Deles, unha vintena atopábanse situados nunha marxe de 18 segundos o que parecía presaxiar unha boa oportunidade para poñer ao líder contra as cordas.

Lestido (Froiz) conseguira a súa escasa renda grazas ao triunfo da escuadra de Poio na contra-reloxo por equipos inaugural. Despois defendeuna en Monforte e na etapa de montaña de Lalín. Tal foi o esforzo acumulado na capital do Deza polo pelotón que en Santiago apenas quedaban enerxías para poñer en risco a camisola do líder. Tras os escarceos iniciais, os primeiros en tentar o asalto serio ao amarelo foron o Rías Baixas e o Cortizo-Anova por mediación de Jesús Nanclares e Raúl García de Mateos, respectivamente. Os dous representaron a principal oposición ao Froiz nun día na que a montaña, con dous portos puntuables pero moi lonxe de meta, non parecía propicia para escaladores pero se para un ataque afastado que fose madurando a carreira. A súa fuga cando apenas levaban 20 quilómetros de proba, acelerou o ritmo por encima dos 41 quilómetros á hora. A vantaxe non chegou aos dous minutos pero mantivo a De Mateos (Cortizo) como líder da Volta durante moitos quilómetros mentres no pelotón alternábase o control por parte de Froiz e de Diputación de León.

O control exercido polo equipo do líder prolongouse toda a etapa, mesmo cando Mateos deixou a compañía de Nanclares e foise en solitario. Foi un espellismo sen apenas maior dificultade que algúns repeitos esixentes camiño de meta, o pelotón terminou por neutralizar o intento de De Mateos no kilometro 102.

Desde alí á Alameda compostelá acelerouse a velocidade do pelotón con Lestido presto a saltar para neutralizar calquera intento de superalo. Sen capacidade para tentar dobregar o control do Froiz, a volata de Santiago de Compostela sentenciou os catro días de competición da XVI Volta a Galicia. Vitoria parcial para o ruso Grigoriev (León) por diante do francés Delettre (Delko Marseille) e o chileno Tello (Kuota-Paulino)

Na cerimonia de podio, a organización da proba rendeu homenaxe ao galego gañador do Tour de Francia 2006, Óscar Pereiro. A continuación foi a Secretaria Xeral para o Deporte, Marta Míguez, a encargada de impoñer a camisola amarela da Xunta de Galicia a Martin Lestido. O do Froiz suma con este triunfo a súa segunda volta por etapas en Galicia neste 2017 tras a súa vitoria na pasada Volta a Coruña. A segunda posición da xeral foi para o seu compañeiro de equipo David González e terceiro o gañador da terceira etapa, o surafricano do Rías Baixas, Willem Jakobus Smit.

No resto de categorías en xogo, o chileno Elías Tello (Kuota-Paulino) gañou a camisola Telefurgo da montaña; o portugués César Martingil (Liberty) a camisola Concello de Monforte de metas volantes e David González (Froiz) a camisola B The Travel Brand como mellor sub 23. Lestido tamén levou a camisola Anova como mellor galego e o Grupo Deportivo Supermercados Froiz o trofeo a mellor equipo da rolda.

 

Grabación do directo

Maillots

Lider Metas Voantes Cesar Martingil - Liberty Seguros Lider Metas Voantes
Concello de Monforte
Primer Galego Clasificado Martín Lestido - Supermercados Froiz Primer Galego Clasificado
Anova
Lider Xeral Martín Lestido - Supermercados Froiz Lider da clasificación Xeral
Xunta de Galicia
Lider da Montaña Elias Tello - Kuota Construcciones Paulino Lider da Montaña
Telefurgo
Líder Sub-23 David González - Supermercados Froiz Líder Sub-23
B the travel brand

Clasificacións

Descargar Aquí