ETAPA 2

BAIONA - BAIONA - 2019

Montenegro imponse en Baiona e Ropero vístese de amarelo

O primeiro contacto coa montaña da Volta a Galicia decidiuse cun final axustado en Baiona. Jorge Martín Montenegro foi o máis rápido dun cuarteto que se presentou na liña de meta da segunda etapa con catro segundos de vantaxe sobre o pelotón. O ciclista arxentino do Aluminios Cortizo de Padrón superou ao esprint a Jacobo Ucha (Vigués) e a terceira praza ocupouna o novo líder, o andaluz Alejandro Ropero (Kometa), que desbancou do máis alto da xeral a Roger Adriá (Lizarte).

No perfil dos 137 quilómetros de percorrido sobresaía o Alto da Groba, de 1ª categoría, co se cumio situado a 35 km da chegada. Dende a saída en Baiona sucedéronse os intentos de escapada, tanto individuais como de pequenos grupos, pero ningún frutificou.

Rodando a unha velocidade media de 43,6 km nas dúas primeiras horas de carreira, o portugués José Costa (Aleata-Farto) fíxose co maillot das Metas Volantes puntuando en primeira posición nos dous pasos intermedios por Baiona e o tamén luso Daniel Silva (Sicasal) coroou en cabeza o Alto de Tebra, de 3ª, no km 76.

Oliveira ao ataque

Ás primeiras ramplas da Groba o grupo principal chegou compacto e Rubén Fernández Oliveira (Aluminios Alca) converteuse no gran protagonista desta ascensión de once quilómetros. O actual campión de Galicia máster-40 xuntouse ao fronte da carreira con Patrick Videira (Fortunna), Alejandro Ropero (Kometa) e Raúl García de Mateos (Cortizo).

As diferenzas eran mínimas sobre o pelotón e Oliveira deulle continuidade a súa ofensiva en solitario. Ata a súa roda chegou Adrián Cobos (Bicicletas Rodríguez), que non podería seguir o ritmo do porriñés e cedería antes rematar o porto.

Os puntos que conseguiu en solitario no cumio da Groba garantiron a presenza de Oliveira no podio da etapa como líder da montaña e, arriscando no descenso, o veterano corredor do Aluminios Alca alcanzou unha vantaxe de 30 segundos. Esta aventura ía atoparse cun terreo pouco propicio para rodar de xeito individual nos últimos 25 km e co traballo do Lizarte.

Antes de que rematara a valente aposta de Oliveira, o fugado foi alcanzado por Martín Lestido (Froiz), Roberto Mediero (Vigués), Jacobo Ucha (Vigués) e Jorge Montenegro (Cortizo). Aínda que os compañeiros do líder neutralizaron a ese quinteto, tres dos escapados volveron á carga na subida non puntuable de Cabo Silleiro.

Montenegro, Ucha e Lestido insistiron a seis quilómetros da meta, un novo intento ao que tamén se sumou Ropero. Os catro conseguiron unha mínima renda, suficiente para que o arxentino do Cortizo erguera os brazos en Baiona e o granadino do Kometa se situara como novo líder.

“Sabíamos que era un final no que podía gañar se arrancaba en Cabo Silleiro”, comentou Jesús Blanco Villar, director do vencedor. Montenegro, de 36 anos, impúxose cun tempo de 3 horas 19 minutos e 14 segundos. A 4” entrou o grupo do maillot amarelo, composto por 22 unidades, e con Silva (Sicasal) por diante de Miguel Ballesteros (Vigo-Rías Baixas) no duelo pola quinta praza.

Na xeral, Ropero asaltou o primeiro posto. O do Kometa ten un colchón de 3” sobre tres ciclistas do Lizarte: Adriá, que segue sendo o mellor Sub23, Robert Torrents e Martí Márquez. Por equipos, a estrutura madrileña tamén lle arrebatou á navarra o primeiro posto.

O padronés Lestido, oitavo a 8”, porta agora a camisola de mellor galego, un dos maillots que se entregaron na cerimonia de premios. Nesta despedida de Baiona, escenario das dúas primeiras etapas da Volta, participaron Carlos Gómez, alcalde; Miriam Costas, concelleira de Deportes e Cultura; Cristina Dosil, Concelleira Turismo; Óscar Martínez, concelleiro de Vías e Obras; Rosa Domínguez, concelleira de Medio Ambiente; Vara Rodríguez, concelleira de Servizos Sociais, Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo; e José Ángel Vidal, exciclista homenaxeado nesta XVIII edición da rolda galega.

Terceira xornada

Este sábado a caravana da Volta trasladarase ata a provincia da Coruña. A tirada Teixeiro-Curtis, a máis longa con 151 km, volve presentar unha dificultade montañosa de 1ª categoría. Nesta ocasión o Alto de Amenoeiras (km 59) está situado antes do ecuador da etapa. As ramplas puntuables regresarán no treito final con dous pasos polo Alto da Queimada, de 2ª, que se coroará por segunda vez a cinco quilómetros para a meta. A saída darase ás 13:00 horas e o gañador coñecerase ao redor das 17:00.

Grabación do directo

Maillots

Lider Metas Voantes José Costa - ALEATA CC FARTO Lider Metas Voantes
Concello de Curtis
Primer Galego Clasificado Martín Lestido - SUPERMERCADOS FROIZ Primer Galego Clasificado
Concello de Baiona
Lider Xeral Alejandro Ropero Molina - KOMETA CYCLING TEAM Lider da clasificación Xeral
Xunta de Galicia
Lider da Montaña Rubén Fernández Oliveira - ALUMINIOS ALCA/SYMA Lider da Montaña
Deputación de Lugo
Líder Sub-23 Alejandro Ropero Molina - KOMETA CYCLING TEAM Líder Sub-23
NorInver

Clasificacións

Descargar Aquí