ETAPA 4

VIVEIRO - ALTO SAN ROQUE - 2019

Dous segundos danlle a Márquez a Volta en San Roque

Final de infarto este domingo no desenlace da decimo oitava edición da Volta a Galicia. O líder Martí Márquez chegaba á última xornada con 27 segundos de vantaxe sobre Alejandro Ropero e acabou salvando o maillot amarelo por 2” no alto de San Roque, en Viveiro. O andaluz do Kometa puxo contra ás cordas ao catalán do Lizarte formando parte do cuarteto que se destacou na ascensión de primeira categoría onde o portugués Patrick Videira (Fortunna/Maia) se anotou o triunfo de etapa.

Os últimos catro quilómetros da xornada, con ramplas que alcanzan o 20% e un desnivel medio do 9%, dinamitaron a carreira. Raúl García de Mateos (Aluminios Cortizo) esnaquizou o pelotón cun ataque a pé de porto. A roda do manchego so a puideron seguir Ropero, Rubén Fernández Oliveira (Aluminios Alca) e Videira. O portador da camisola amarela cedeu, pero soubo aferrarse ao liderado para salvaloin extremis.

No cuarteto de cabeza todos rendabilizaron o ataque, excepto Ropero, quen acariciou o triunfo na xeral. Videira impuxo a súa punta de velocidade para erguer os brazos na meta, De Mateos asaltou a terceira praza do podio e Oliveira conquistou o maillot azul de mellor galego da Volta, rematando quinto na clasificación absoluta. 

A dupla do Vigués

Márquez, de 23 anos, non so tivo que facer fronte á ofensiva dos seus rivais en San Roque. Os seus adversarios puxérono a proba practicamente dende o arranque dos 130,5 km de percorrido pola Mariña Lucense. Esta etapa raíña, con catro portos puntuables, tiña o alto de terceira categoría de Cruceiro situado cinco quilómetros despois da saída en Viveiro. Javier Gil (Gsport) coroouno en primeira posición e, mentres non se consolidaba ningún dos intentos de escapada, Joao Fernandes (Fortunna/Maia) encabezou a carreira na Meta Volante de Burela. Tras ese punto quente do km 24, os dous protagonistas da xornada anterior volveron aparecer en escena.

Roberto Mediero e Jacobo Ucha, a dupla do Club Ciclista Vigués que firmara un dobrete en Curtis, filtráronse nunha fuga de catorce unidades. Os seus compañeiros de aventura foron Adrián Barros (Froiz), Raúl González (Cortizo), David Domínguez (Vigo-Rías Baixas), Ángel Coterillo e Álvaro Trueba (Gomur), Martí Bennassar (Kometa), Ángel Gutiérrez (Diputación de León-ULB), José Costa (Aleata-Farto), Kiko Galván (Lizarte), David Cazorla (Aluminios Alca) e Fernandes e Paulo Silva (Fortunna/Maia).

A súa vantaxe aproximouse aos tres minutos e Ucha exerceu de líder virtual durante case 80 km. Fernandes aproveitou esta escapada para sentenciar a clasificación das Metas Volantes ao puntuar primeiro na de Foz.

O Lizarte asumiu o peso da persecución e as diferenzas comenzaron a reducirse no alto da Couboeira. Tanto por esa ascensión como na posterior de As Lobeiras, Ucha pasou ao fronte da fuga, pero o grupo principal xa lles pisaba os talóns. A neutralización chegou dentro dos últimos 20 km.

González, do Cortizo, volveu probalo na aproximación a Viveiro, nesta ocasión xunto a Sergio Álvarez (Vigo-Rías Baixas). Este intento serviu para prepararlle o terreo a De Mateos, que puxo toda a carne no asador dende as primeiras ramplas de San Roque.

Maillots finais

O manchego do Cortizo, terceiro na liña de meta por detrás de Oliveira e do gañador Videira, ascendeu na xeral dende o décimo terceiro posto ata o terceiro, igualado a 31 segundos do líder con Alessandro Fancellu (Kometa). No podio acompañou a Márquez e a Ropero, que se tivo que conformar co maillot de primeiro sub23. O de mellor galego correspondeulle a Oliveira, coa camisola da Montaña fíxose Daniel Silva (Sicasal) e outro portugués, Fernandes, levouse a das Metas Volantes. Por equipos venceu o Supermercados Froiz.

Os últimos premios desta edición da rolda autonómica entregáronos Jesús Fernández, tenente alcalde de Viveiro; César Iglesias, concelleiro de Deportes; Marisol Rey, concelleira de Turismo; Victoria Baamonde, concelleira de Servizos Sociais; Francisco Javier Molano, tenente coronel da Garda Civil; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo.

Neste acto de clausura houbo un recoñecemento especial para José Ángel Vidal, o exciclista profesional galego homenaxeado durante toda a Volta.

Grabación do directo

Maillots

Lider Metas Voantes João Fernandes - FORTUNNA/MAIA Lider Metas Voantes
Concello de Curtis
Primer Galego Clasificado Ruben Fernandez Oliveira - ALUMINIOS ALCA/SYMA Primer Galego Clasificado
Concello de Baiona
Lider Xeral Marti Marquez Román - LIZARTE Lider da clasificación Xeral
Xunta de Galicia
Lider da Montaña Daniel Silva - SICASAL/CONSTANTINOS Lider da Montaña
Deputación de Lugo
Líder Sub-23 Alejandro Ropero Molina - KOMETA CYCLING TEAM Líder Sub-23
NorInver

Clasificacións

Descargar Aquí