Estás vendo a información da XV Volta Ciclista a Galicia do 2016. Para ver a última volta, preme aquí
ETAPA 5

PORRIÑO - PORRIÑO - 2016

Samuel Blanco recupera a Volta para Galicia

Sete anos despois a Volta Ciclista a Galicia recuperou o seu formato de cinco etapas e tamén sete anos despois un galego volveu impoñerse na xeral da gran rolda autonómica. Samuel Blanco certificou a súa vitoria na localidade pontevedresa do Porriño despois de resistir de amarelo durante dúas emocionantes xornadas nas que xestionou con solvencia a avalancha de ataques dos seus principais rivais. Foi o triunfo da xuventude dun corredor que é o actual campión de Galicia Sub23 e dun equipo, o Club Ciclista Rías Baixas, que irrumpiu neste categoría hai catro temporadas. O manchego Marcos Jurado (Supermercados Froiz) e o valencián Pedro Gregori (Padronés-Aluminios Cortizo) acompañaron no podio ao ciclista de Redondela, o mesmo concello no que naceu o seu director Marcos Serrano, vencedor da Volta a Galicia para profesionais en 1999, e Enrique Salgueiro, o último galego que gañara esta carreira no 2009, hai sete anos.
O portugués Francisco Campos (Moreira Congelados) adxudicouse a quinta e última etapa no sprint dun grupo de 28 unidades. Os primeiros clasificados da xeral chegaron case todos xuntos despois de 122 kilómetros de percorrido, con inicio e final no Porriño, nos que o Supermercados Froiz intentou dinamitar a carreira dende o bandeirazo de saída.
No kilómetro 4,5 coroábase o primeiro dos catro portos puntuables da xornada, o Alto de Abelenda de terceira categoría, e pola súa cima o líder da montaña Sergio Pérez (Kuota-Construcciones Paulino) pasou por diante de Joao Matias e David González (Supermercados Froiz). Xunto a estes tres corredores puxeron terra de por medio Josu Urrestarazu (AMPO), Jesús Nanclares (Club Ciclista Rías Baixas), Daniel Domínguez e Sergio Míguez (Supermercados Froiz), Óscar Linares (Gomur), Ignacio Piquero (Bicicletas Rodríguez), David Francisco (Kuota-Construcciones Paulino) e Daniele Cantoni (Polartec-Fundación Contador).

Cambio de líder virtual


O mellor situado na xeral de todos os fugados era Domínguez, a 58 segundos do maillot amarelo, e neste grupo ía acompañado por outros tres representantes do Supermercados Froiz. Non tardou en situarse como líder virtual e despois de superar o Alto de Xunqueira de 2ª categoría, no que González puntuou en primeira posición, a diferencia alcanzou os dous minutos e vinte segundos. Mentres no pelotón, o cuarto na xeral Miguel Buhmann (Kuota-Construcciones Paulino) intentou un ataque dende lonxe, pero atopou a resposta de Blanco e o seu equipo.
A diferencia dos escapados comezou a baixar e estabilizouse nos dous minutos antes de que Domínguez ocupara a primeira posición no Alto de Estacas, de 2ª categoría, e González na Meta Volante de Maceira. Preto dos últimos 30 kilómetros, o Supermercados Froiz perdeu dous efectivos no grupo dianteiro. Míguez e González quedáronse e tamén se descolgou Nanclares, compañeiro do líder. Na Meta Volante de Ponteareas, onde Matias fixo primeiro, o marxe xa era menor dun minuto e medio.

Sprint no Porriño


A partir de ese momento rematou o entendemento e comezaron os ataques na fuga co pelotón tendo a situación case controlada. Linares intentouno en solitario, pero no Alto de Abelenda, último porto do día, a súa vantaxe era tan so de dez segundos. A súa neutralización tivo lugar a dez kilómetros para a chegada e nas rúas do Porriño o portugués Campos foi o máis rápido batendo a Diego Sevilla (Polartec-Fundación Contador) e Daniel Sánchez (Bicicletas Rodríguez). Blanco tamén entrou levantando os brazos como gañador da volta.
Cun tempo total de 13:11:34, o corredor do Club Ciclista Rías Baixas fíxose co amarelo con 23 segundos de marxe respecto a Jurado e 35 sobre Gregori. Ademais, o redondelán recibiu os maillots de mellor sub23 e primeiro galego. Como vencedor por equipos subiu ao podio o Kuota-Construcciones Paulino asturiano, que tamén se anotou a Montaña con Sergio Pérez, mentres que nas Metas Volantes se impuxo Luis Mendonça (Spol-Concello do Porriño).
A entrega de premios contou coa presenza de José Ramón Lete Lasa, director xeral para o deporte da Xunta de Galicia; Chelo Besada, deputada de deportes da Deputación de Pontevedra; Eva García de la Torre, alcaldesa do Porriño; Manuel Carrera, tenente alcalde do Porriño; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Galega de Ciclismo; e Álvaro Pino que foi homenaxeado ao longo desta volta polo 30 aniversario da súa vitoria na Vuelta a España.

Resumo da Etapa

Grabación do directo

Maillots

Lider Metas Voantes Luis Mendonça - SPOL CONCELLO DE PORRIÑO Lider Metas Voantes
AON
Primer Galego Clasificado Samuel Blanco - RÍAS BAIXAS Primer Galego Clasificado
ANOVA
Lider Xeral Samuel Blanco - RÍAS BAIXAS Lider da clasificación Xeral
Xunta de Galicia
Lider da Montaña Sergio Perez - KUOTA - CONSTRUCIONES PAULINO - OVIEDO.ES Lider da Montaña
Concello de Noia
Líder Sub-23 Samuel Blanco - RÍAS BAIXAS Líder Sub-23
B the travel brand

Clasificacións

Descargar Aquí

Federación Galega de Ciclismo
Xunta de Galicia
Deporte Galego
Galicia Bo Camiño
Galicia Saudable
Deputación de Lugo
Concello de Noia
Concello de Sarria
Mancomunidade de concellos de Verín
Concello de Verín
Concello de Porriño
Anova Forest & Garden Products
Seguros AON
Barceló Viajes
Cocacola
Bici O Con
Europcar
FROIZ
Bicicletas Rodas