OS

SAÚDOS

José Ramón Lete Lasa

Secretario Xeral para o Deporte

Varias semanas despois da saída de Galicia da Vuelta a España supoñendo así mesmo que, nin máis nin menos, que un tercio das súas vinteunha etapas discorreran por territorio galego, as nosas estradas volven a encherse de ciclistas e de afeccionados para percorrer as catro provincias ao longo de cinco etapas, cifra esta última que non se acadaba desde a edición do 2009, e consolidándose polo tanto esta proba coma un referente no panorama ciclista estatal e incluso internacional.

A amplitude e o nivel desta Volta a Galicia 2016 é unha mostra máis da paixón e do crecemento que está experimentando este deporte na nosa Comunidade Autónoma nos últimos anos, tanto a nivel deportivo e de público como a nivel organizativo, o cal xustifica, unha vez máis, a aposta da secretaría xeral para o deporte polo fomento e promoción desta práctica deportiva. Galicia é, sen dúbida, garantía de éxito, o que repercute no altísimo nivel dos equipos participantes nesta Volta, contrastados tanto a nivel estatal como internacional, así como na asistencia de público ás beirarrúas do percorrido da proba, que sen dúbida será numerosísimo. Non nos podemos esquecer tampouco de que, este tipo de eventos, máis alá da propia competición deportiva, supoñen un revulsivo económico para as zonas por onde transcorren. Conscientes do potencial do noso medio natural, da nosa gastronomía, da nosa xente, etc.... aproveitemos tamén estas iniciativas para poñer todo elo en valor.

Quero aproveitar tamén estas liñas para felicitar á Federación Galega, aos clubs galegos, deportistas, directivos, etc... polo excepcional traballo que están realizando para a consolidación desta práctica deportiva. Sen eles, sería imposible situar a Galicia como referente ciclista.

Finalmente só me resta dar a benvida a todos os participantes e afeccionados, e agradecer á Federación Galega de Ciclismo e aos seus colaboradores o traballo realizado para que a celebración da Volta Ciclista a Galicia 2016 sexa unha realidade un ano máis e unha mostra da excelente saúde do ciclismo galego. Noraboa!