OS

SAÚDOS

Rafael Cuiña Aparicio

Alcalde de Lalín

É unha honra para todas e todos os lalinenses que o noso concello acolla unha etapa da XVI Volta ciclista a Galicia. E para min, como alcalde, é un auténtico orgullo saber que Lalín, unha vez máis, se vai converter no epicentro deportivo de Galicia coa celebración dunha proba de semellante dimensión.

Lalín é sinónimo de deporte. Temos clubs das máis variadas disciplinas e organizamos probas ao máis alto nivel, pero a bicicleta, aquí, sempre tivo un tirón especial. Mostra disto é o crecente número de persoas que practican este deporte en todas as súas variantes. Recentemente incluso homenaxeamos a Javi Busto, lalinense, Campión de Europa Máster de BTT. Porén, en ningún momento dubidamos en aceptar a proposta da Federación Galega de Ciclismo e acollemos cos brazos abertos esta etapa. Porque sen lugar a dúbidas, que a Volta a Galicia percorra a nosa vila vai contribuír de xeito moi positivo á dinamización económica. Pero ademais, será un acicate para seguir prendendo - especialmente nos máis novos - a paixón polo deporte e por unha modalidade que esixe tanta disciplina e traballo duro como é o ciclismo.

Lalín está situado no centro xeográfico de Galicia. É unha encrucillada de camiños onde conflúen 2 rutas xacobeas. Entón, ¿que mellor sitio ca Lalín para ser o punto de partida e a meta dunha carreira da Volta a Galicia? Aproveito esta ocasión para agradecer aos seus organizadores que pensasen no noso concello como un dos puntos de referencia desta histórica competición. E, como non, convido
a todas as persoas que nos visiten a desfrutar da nosa gastronomía, a mercar no noso comercio e a gozar das nosas incomparables paisaxes rurais e da nosa acolledora vila.