OS

SAÚDOS

Martiño Noriega Sánchez

Alcalde de Santiago de Compostela

Santiago será o escenario da última etapa da Volta Ciclista a Galicia neste 2017, e iso é un motivo de orgullo para todos os composteláns e compostelás, para a corporación municipal que presido, e para min mesmo como alcalde. Porque estamos orgullosos de exercer como capital do país, e máis cando se trata de formar parte de eventos deportivos coma este.

Compostela é unha cidade que ama o deporte e que o practica. Que abre as súas portas para a celebración de probas das máis diversas disciplinas, incluído o ciclismo.
Aquí xa temos acollido etapas de edicións anteriores da Volta Ciclista a Galicia, e tamén da Vuelta Ciclista a España. Sabemos que a veciñanza responde con grande interese a estas convocatorias, que os composteláns e compostelás fan festa ao redor destas probas, e agardamos que esas imaxes se repitan nesta ocasión.

Quero agradecerlle á Federación Galega de Ciclismo a súa decisión de contar unha vez máis con Santiago. E tamén quero valorar o seu esforzo na organización desta e doutras competicións que fomentan a práctica do deporte, que permiten promocionar a ciclistas galegos e galegas que acaban conseguindo un enorme prestixio nas grandes citas internacionais. O traballo da Federación, como dos equipos ciclistas, tamén axuda a facer país e a sentírmonos orgullosos de nós.

Así pois, moitos parabéns polo traballo feito e moitos éxitos para o que queda por facer. Como alcalde, convido á Federación Galega de Ciclismo a seguir pensando en Compostela para as vindeiras edicións da Volta Ciclista a Galicia. Somos cidade de acollida, tamén para o deporte