OS

SAÚDOS

Marta Míguez Telle

Secretaria Xeral para o Deporte

Un ano máis teño a satisfacción de poder saudar a todos os participantes da Volta Ciclista a Galicia que percorrerán a fermosa e incomparable xeografía galega do vinte ao vintetrés de setembro.
Nesta ocasión a vila ourensá de Verín pasa a ser o marco de saída da XVII edición cunha proba contrarreloxo que surcará as terras do Entroido ao pé do Castelo de Monterrey. Desde alí a Volta Ciclista a Galicia lanzarase cara a costa de Boiro e Sanxenxo para recuperar o arrecendo da Ribeira Sacra e rematar na fermosa e tamén histórica vila de Monforte de Lemos.
Entre castelos e praias e contando con que a climatoloxía acompañe con días azuis e cálidos, saúdo tamén e animo a todas as persoas afeccionadas ao ciclismo para que aproveiten a penúltima fin de semana do mes de setembro e percorran a xeografía galega acompañando a este cometa en rodas e coñezan así un pouco máis a nosa fermosa terra.
Comprobaremos a grande calidade técnica dos ciclistas das categorías Élite e sub-23 e poderemos facelo desde diferentes ubicacións conscientes da importancia de seleccionar ben -e con tempo- os nosos “observatorios” de xeito que o paso da Volta quede impreso na nosa memoria como un espectáculo emocionante e inesquencible.
Anímovos a camiñar polas vilas, disfrutar coa gastronomía e facer deporte en consonancia con esta actividade. Ao mesmo tempo pídovos que sexades respetuosos e prudentes e que poñades boa atención ás indicacións dos organizadores de xeito que esta Volta Ciclista sexa un grande e fermoso acontecemento do que so teñamos boas novas.
Todos seremos testemuñas desta competición na que a fortaleza do ciclista se enfronta aos obstáculos orográficos e climatolóxicos remarcando a ilusión, a tenacidade, a disciplina e o respeto como pilares fundamentais dos deportistas.
Xa para rematar, quixera felicitar a grande capacidade, entrega e continuado esforzo da Federación Galega de Ciclismo e tamén aos patrocinadores, ás entidades e ás personas individuais que colaboran neste relevante evento deportivo e o fan posible.
O ciclismo é un deporte duro e esixente pero tamén é un símbolo de tolerancia e vida saudable, de compañeirismo e solidariedade. Teñámolo en conta e non o esquezamos cando circulemos polas estradas. Respetar e protexer aos ciclistas debe ser unha das máximas a ter en conta cando subimos aos nosos vehículos. ​