OS

SAÚDOS

Darío Campos Conde

Presidente da Deputación de Lugo

Froito do compromiso da Deputación co deporte, Lugo acollerá, por segunda vez en menos dun mes, unha nova cita coa bicicleta, coa celebración, na Comarca de Sarria, o vindeiro 16 de setembro, da terceira etapa da Volta a Galicia. Recentemente, colaboramos coa Volta a España, promocionando a Mariña e as zonas Centro e Sur da nosa provincia. Agora, tócalle á Comarca sarriana. Por iso, é para min unha honra dirixirme a vós como Presidente da Deputación e, por extensión, como representante de todos os lucenses, con motivo desta proba deportiva.

En Lugo existe unha forte tradición ciclista. Contamos con 34 clubs no conxunto da provincia e preto de 750 licencias federativas. Deste xeito, en apoio aos profesionais e afeccionados ao ciclismo, dende a Deputación de Lugo non dubidamos en colaborar coa Volta Ciclista a Galicia. Entendemos ademais que, xunto á súa importancia deportiva, esta cita contribúe á promoción e á dinamización da economía da nosa provincia. Durante a súa celebración, centos de persoas poderán descubrir a riqueza dos 7 Concellos da Comarca sarriana polo que transcorrerá: Sarria, Paradela, O Incio, Triacastela, Láncara, Samos e O Páramo, contando ademais cunha ampla cobertura nos medios de comunicación.

Por todo o dito, só me queda agradecer a todas as persoas que fan posible o paso da Volta a Galicia pola nosa provincia, e desexar que esta nova edición repita o éxito das anteriores. Dende a Deputación, seguiremos apoiando este tipo de iniciativas coas que dar a coñecer moito máis aló das nosas fronteiras, os recursos naturais, patrimoniais, históricos, artísticos ou gastronómicos dos que dispoñemos.