OS

SAÚDOS

José Ramón Lete Lasa

Secretario Xeral para o Deporte

Do martes 9 de agosto de 1887 ata o xoves 19 de setembro de 2019 pasan exactamente 48.253 días, suficientes para que o ciclismo en Galicia teña mudado dabondo. Na primeira data de finais do século XIX, oito ciclistas mostraban na Alameda de Vigo as súas habilidades nas competicións dun medio de transporte que comezaba a chamar a atención a través da súa vertente competitiva. Aquela foi a primeira proba ciclista celebrada en Galicia e ensartar aneis ou permanecer o maior tempo enriba da bicicleta os obxectivos dos competidores.
O vindeiro 19 de setembro, serán 126 corredores os que tomarán a saída tamén na área de Vigo. O seu obxectivo será, desta volta, completar no menor tempo posible os 450 quilómetros que debuxará a serpente multicolor ao longo da orografía galega e proclamarse campión, unha coroa de loureiro reservada tan só para o que demostre ser o mellor nestes catro días de competición.
O percorrido desta XVIII Volta Ciclista é unha homenaxe ao deporte e a tradición de Galicia. A saída, desde o magnífico Parador do Conde de Gondomar sito nunha das nosas xoias arquitectónicas, o castelo de Monterreal, porá en xogo unha contrarreloxo por equipos na que valores do deporte como o traballo en equipo, a cooperación e a solidariedade ditaminarán os gañadores. Un traballo en equipo como o que o uniu a todos os baioneses na praia de Santa Marta para evitar o ataque do pirata Francis Drake ou o que dirixiu a folla de ruta das carabelas de Cristóbal Colón que trouxeron tamén a Baiona a noticia do descubrimento do Novo Mundo coa arribada de La Pinta.
Tras pasar polas comarcas do Val Miñor e do Baixo Miño, así como polos concellos de Teixeiro, Curtis e Viveiro, o pelotón finalizará a Volta o domingo 22 no Alto de San Roque, un monte que rende homenaxe á Galicia peregrina, amable e hospitalaria, na que conflúen todos os camiños. O monument ao peregrino saudará e animará a todos os ciclistas a continuar pedaleando e rematar o camiño que comezaron para alcanzar a meta final situada a 1.271 metros de altitude.
Só queda agardar a que comece o maior espectáculo do ciclismo de estrada galego e desexarlle sorte aos 18 equipos participantes que, de seguro, desfrutarán e sufrirán a partes iguais da beleza e da esixencia da nosa xeografía.