OS

SAÚDOS

Juan Carlos Muñiz Nieto

Presidente FGC

Galicia sempre contou con grandes ciclistas, cunha afección apaixonada e tamén pode presumir da súa Volta. A nosa rolda autonómica alcanza a maioría de idade, a súa décimo oitava edición, consolidada como unha cita de referencia no calendario da Real Federación Española de Ciclismo. Termina a temporada, o remate dunha longa travesía, e nestas terras somos especialistas en recibir cos brazos abertos a aqueles que alcanzan o final do camiño.
O pelotón percorrerá de sur a norte a nosa comunidade, un trazado fermoso que é posible grazas a tres anfitrións de luxo. Os concellos de Baiona, Curtis e Viveiro apostan por un dos grandes eventos do deporte galego. O retorno está garantido coa chegada da caravana da Volta para encher as súas rúas e cun espectáculo competitivo de moi alto nivel que os seus veciños e veciñas poden presenciar de xeito gratuíto.
Se o apoio das administracións públicas resulta fundamental, non nos podemos esquecer do das empresas privadas. Referímonos a Norinver, Compostela Móvil, Oxypro, Ottobosley, B The Travel Brand, firmas implicadas co ciclismo e cos seus valores de esforzo e superación.
Para os ciclistas estes catro días de competición supoñen a última oportunidade do curso de brillar na busca do salto ao profesionalismo. O palmarés da volta nos seus 18 anos de existencia demostra que é o trampolín perfecto. A participación é sinónimo de calidade, con formacións estranxeiras, equipos chegados doutros puntos de España e seis equipos galegos: Vigo-Rías Baixas, Supermercados Froiz, Aluminios Cortizo, Autronic-Club Ciclista Vigués, Team Cycling Galicia- Aluminios Alca e Aleata Farto.
O soño de triunfar enriba da bicicleta cumpriuno no seu día José Ángel Vidal. Este ano a Volta rende homenaxe a un dos nomes propios da historia deste deporte en Galicia. Desde a Federación Galega Ciclismo tamén aproveitamos esta festa da bicicleta para seguir reivindicando seguridade nas estradas. Queremos que a mensaxe de respectar o metro e medio de separación cos ciclistas chegue a todos os recunchos polos que pasa a Volta.
Aos corredores, técnicos, auxiliares, xuíces árbitros, corpos e forza de seguridade, persoal da carreira... dámosvos a benvida. Gozade destes catro días de ciclismo en estado puro, da vosa Volta, e que triunfe a deportividade.