OS

SAÚDOS

Eva García de la Torre

Alcaldesa de O Porriño

Para as veciñas e veciños do Porriño o deporte en xeral, e concretamente o ciclismo, é máis que unha afección: é un xeito de vivir. Por isto, o feito de que a derradeira etapa da XV Volta Ciclista a Galicia teña a súa saída e chegada na nosa vila, e que o faga durante Cristo, a nosa festa máis senlleira, fará do 18 de setembro de 2016 un día histórico.

Os atletas porriñeses de todas as disciplinas, admirados dentro e fora de España, teñen aos nosos clubes ciclistas coma exemplos de traballo coas categorías de base, comprometidos coa formación e como unha inesgotábel fonte de deportistas, moitos de eles grandes campións.

O feito de que o final da Volta a Galicia sirva de homenaxe aos ciclistas porriñeses é un orgullo para todos nós, que sempre os asociamos co potencial deportivo do Porriño. Este orgullo vaise converter en emoción polo feito de que a etapa suba ao Alto da Abelenda, un dos lugares imprescindíbeis para cada un dos ciclistas do Porriño que, ademais, pode ser decisivo no resultado final da Volta, que este ano presenta un perfil especialmente duro e esixente.

As porriñesas e porriñeses agardamos con inquedanza o paso do pelotón pola nosa vila e o apaixónante espectáculo da competencia entre os mellores especialistas galegos que decidirán aquí, nas nosas rúas e nas nosas estradas, quen será o gañador da Volta Ciclista a Galicia.