OS

SAÚDOS

Marta Míguez Telle

Secreataria Xeral para O Deporte

En primeiro lugar, quero dar a benvida aos equipos participantes, 18 formacións ciclistas que, desde a contrarreloxo por equipos da primeira etapa, percorrerán un camiño por Galicia que rematará en Santiago, roubando o protagonismo, por un día, a eses outros ciclistas que entran na cidade, logo de percorrer O Camiño.

A especial orografía de Galicia, así como o seu clima, poden resultar rivais que poñen de manifesto a calidade técnica dos ciclistas de categorías Élite e sub-23, pero esta Volta Ciclista a Galicia, que recorrerá as catro provincias galegas, ademais, aproximaranos a lugares extraordinarios que se localizan no interior de Galicia. Lugares que, como a Ribeira Sacra, son un espectáculo en si mesmos.

As persoas afeccionadas ao ciclismo somos espectadores particulares. Non se nos asigna un número de butaca desde a que visualizar o evento, senón que somos nós quen debemos decidir en que etapa ou etapas atoparemos o espectáculo que reclamamos -uns buscamos o estoicismo da montaña, outros a potencia do sprint...-, para logo seleccionar o punto onde, aí si, establecer “a nosa butaca”. Debemos ir con tempo, polo que hai que ser pacientes e agardar con tranquilidade a que comece a función; pero xa a caravana que precede aos ciclistas torna esa tranquilidade nunha inquietude que se ha de ver satisfeita cuns poucos segundos, ou minutos, de ver pasar ao pelotón con ese aire épico.

No ciclismo tes que estar atento aos ataques dos rivais, a non quedar cortado no pelotón pola acción do vento, a evitar os obstáculos que poidan xurdir no percorrido, ás caídas e, incluso, a avituallarte convenientemente.
O que non nos podemos permitir é engadir unha nova alerta da que depende a nosa vida. A práctica deportiva, que representa un dos maiores aliados que podemos ter, en favor dun estilo de vida saudable, non pode ser lastrada cunha carga semellante. O ciclista, que é un exemplo público dos valores que o deporte representa, e un promotor dese estilo de vida saudable, debe ser protexido por todos nós. É unha obriga da sociedade acadar esa sensibilización pola que o respecto por parte dos condutores sexa total. Non podemos consentir que un hábito saudable se converta nunha ameaza.

Por último, quero agradecer o mimo, a dedicación e o esforzo da Federación Galega de Ciclismo, que xunto co resto de entidades colaboradoras, patrocinadores e persoas individuais, nos brindan a posibilidade de desfrutar dun evento desta relevancia e éxito.