SAÚDAS

cariñofoto.jpg

SAÚDA DO ALCALDE DE CARIÑO, JOSÉ MIGUEL ALONSO PUMAR, VOLTA GALICIA 2021

Comeza e remata en Cariño, por primeira vez na súa historia, a Volta Ciclista a Galicia. Será na cuarta e derradeira xornada desta edición 2021, a tirada de percorrido máis esixente, cando recibamos á serpe multicor polas rúas do que é o porto pesqueiro por antonomasia da bisbarra de Ortegal. As cariñesas son terras bravas, dunha antigüidade

xeolóxica única, e marcadas por ese forte carácter que só pode imprimir a permanente loita que comporta atoparse entre un mar e un océano, contando co icónico faro de cabo Ortegal como mascarón de proa. Antes de arribar no paseo marítimo local, os deportistas deberán superar importantes desniveis orográficos, incluidos os 613 metros de altitude que contemplan os impresionantes cantís de Herbeira -os máis abruptos da fachada atlántica europea- unha vez máis testigos de excepción dun novo encontro coa épica ciclista. E é que, dun xeito ou outro, Cariño sempre estivo vencellado ao deporte da bicicleta e ás súas xestas, habitualmente sendo sede e colaborando en eventos de diferente índole e relevancia, dende La Vuelta Ciclista a España e a Volta Ciclista á Provincia da Coruña ata a promoción local do Día da Bici, e polo medio apoiando eventos ou as probas organizadas polo Clube Ciclista Cariño.

Dende o goberno local que me toca presidir estamos plenamente convencidos de que actividade deportiva e medio ambiente deben ir da man, o que nunca debe supoñer unha falta de respeto pola nosa contorna senón, moi pola contra, unha posta en valor da mesma.

Do que non cabe dúbida é de que a caravana ciclista será recibida da maneira que eiquí é costume, que non é outra que facendo honra ao nome da nosa localidade.

Sabemos que a chegada da Volta Ciclista a Galicia suporá avanzar un chanzo máis na visualización local, comarcal, provincial, e mesmo estatal deste duro, sacrificado pero fermosísimo deporte, mais tamén somos conscientes da proxección mediática e turística que conleva para Cariño, polo que asumimos o reto organizativo cunha mestura de responsabilidad e ilusión. Por iso estamos convencidos de que nun futuro non moi lonxano caravana ciclista e Cariño voltarán a atoparse unha vez máis, quen sabe se para entón será a esixente cara norte do porto de Herbeira quen se encargue de dictar sentenza.

Mentres tanto anímovos a que sexades partícipes do evento o vindeiro 19 de setembro, convidándovos a gozar dos numerosos encantos que esconde Cariño.