SAÚDAS
SAÚDO DO SECRETARIO XERAL PARA O DEPORTE,
JOSÉ RAMÓN LETE LASA
Neste 2024 que estamos nun ano olímpico tan apaixonante, recordamos a enorme figura do vigués Gonzalo Aguiar. El foi o primeiro en situar ao ciclismo galego no marco duns Xogos. A súa participación na proba de ruta de Seúl 88 abriu o camiño a moitos. Foi a última edición en que o ciclismo era amateur nos Xogos, logo abriuse a profesionais, e Gonzalo terminou no posto oitoxésimo tras un axustadísimo sprint de máis de cen corredores.
24 anos despois, outro galego, o ponteareán José Enrique Porto Lareo, recollía o legado olímpico do ciclismo galego. E facíao cun rotundo éxito. Na modalidade de ciclismo en pista dos Xogos Paralímpicos de Londres 2012 sumaba dúas medallas: prata no quilómetro contra o reloxo B e bronce en velocidade individual B.
En París, o ciclismo galego volverá estar fantasticamente representado por outro galego. O coruñés Damián Ramos competirá nas probas de estrada e contra o reloxo e fondo e tamén nos 4.000 metros persecución en pista. E estamos seguros de que, como fixo o seu predecesor José Enrique Porto Lareo, regresará con algunha medalla colgada do peito.
O vindeiro 8 de setembro, co último día de competición dos Xogos Paralímpicos, pecharase un novo ciclo olímpico, pero comezará outro. Neste sentido, competicións como a vixésimo segunda edición da Volta ciclista a Galicia que comezará tan só catro días despois, axúdannos a seguir vivindo ese espírito das máis grandes batallas deportivas e de tantos soños que os nosos deportistas, teñen por cumprir.
Os 126 ciclistas de 18 equipos -sendo oito destes equipos galegos- que formarán este ano a serpe multicolor da Volta Ciclista a Galicia representan o esforzo, o sacrificio, a entrega, o traballo, pero sobre todo a ilusión de chegar tan lonxe como un día chegaron Gonzalo, José Enrique e Damián.
Os Xogos Olímpicos e Paralímpicos son só a punta do iceberg. O deporte galego traballa e soña todos os días do ano.