top of page

A contra o reloxo de Ribadumia lanza a Volta Galicia

A primeira das catro xornadas ofrece este xoves un percorrido de 7,2 quilómetros ideal para os especialistas nas ‘cronos’


Cartel da Volta Galicia 2025
Cartel da Volta Galicia 2025

Oito equipos galegos, cinco doutras comunidades autónomas de España, dous italianos e dous portugueses forman dende este xoves o pelotón da 23ª Volta a Galicia para corredores Elite e Sub-23. A edición que homenaxea a Samuel Blanco, o ciclista de Chapela que se retirou como profesional ao remate do ano pasado, consta de catro xornadas e arranca cunha contra o reloxo individual na localidade pontevedresa de Ribadumia. Nun rápido trazado de 7,2 quilómetros ponse en xogo, a partir das 18:00 horas, a primeira camisola amarela da rolda organizada pola Federación Ciclismo Galego.

Os especialistas nas ‘cronos’ atoparán un percorrido a súa medida, ideal para mover 'wattios' no municipio do Salnés que lanza a Volta. Con saída e chegada na Avenida de Ribadumia, trátase dunha contra o reloxo practicamente chaira. Os escaladores intentarán ceder o mínimo tempo posible antes de que o venres xa chegue o seu terreo.

As seguintes tres xornadas estarán marcadas polos portos de montaña. Caldas de Reis collerá o testemuño de Ribadumia cun itinerario de 138 km con catro ascensións puntuables de 3ª categoría, dúas delas dentro dos últimos 20 km. Nese treito final os ciclistas subirán primeiro Lobeira e despois O Pousadoiro, que se coroará a 7 km para a conclusión. 

O sábado a Volta trasladarase dende a provincia de Pontevedra ata a Mariña Lucense. Nos 147 km con epicentro en Barreiros acumularanse máis de 2500 metros de desnivel, a maioría na parte final. Os altos de 2ª categoría de Augaxosa, Fórnea e Monte Comado, con paso previo pola liña de meta, deixarán case decidida a loita pola camisola amarela. A coroación do vencedor da xeral terá lugar o domingo en Ferrol, nun fermoso fin de festa con chegada ao carón do mar. O trazado de 130 km inclúe dous pasos intermedios pola cidade e nese circuíto final ascenderase o alto da Bailadora, que marcará o desenlace da carreira no Porto de Ferrol. 




Perfil etapa contrarloxo
Perfil etapa contrarloxo

Catro equipos estranxeiros

A formación a bater entre o total de 17 escuadras participantes é unha galega. O Equipo Cortizo adxudicouse as dúas últimas edicións, no 2023 co vilagarcián Martín Rey e o ano pasado por medio do murciano José Luis Faura. A comunidade anfitrioa é a máis representada con outros sete conxuntos: Vigo-Rias Baixas, Supermercados Froiz, High Level-Gsport, Lasal Cocinas ODL, Maxge Ambilamp, Club Ciclista Vigués e Team Oiense.

Dende outros puntos de España chegan o Extremadura Pebetero, os aragoneses do Torres Sobato, os leoneses do Technosylva Maglia Rower Bembibre e dúas estruturas navarras, o Telco ON Clima Osés o Caja Rural-Alea. Ademais, catro equipos outórganlle á proba un considerable nivel internacional. Representando ao ciclismo portugués estarán o Maia Earth Consulters e o Porminho, mentres que os italianos do Campana Imballagi e da Ciclistica Rostese farán o seu debut nesta rolda.

Os 119 inscritos pugnarán pola camisola amarela Xunta de Galicia que lucirá o líder da xeral. No resto de clasificacións, o maillot branco a puntos vermellos é o da montaña; o azul, o de mellor galego; o verde, o das Metas Volantes; e o azul e branco, o de primeiro Sub-23.

Retransmisión en directo

As catro etapas poderán seguirse en directo a través da canle de YouTube da Federación Ciclismo Galego. Mantendo a tradición de dedicar cada edición a un corredor sobranceiro do ciclismo autonómico, este ano a Volta a Galicia recoñece a traxectoria de Samuel Blanco. Gañador da xeral desta carreira no 2016 e campión de España Elite no 2020, o redondelán defendeu no campo profesional as cores dos equipos portugueses Aluminos Metalusa e Tavira.

Toda a información sobre a Volta a Galicia podes atopala na súa páxina web oficial www.voltagalicia.com e nas redes sociais a través do cancelo #VoltaGalicia2025

 
 
 

Comentarios


  • Facebook
  • Twitter
  • YouTube
  • Instagram

Financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU

Plan de recuperación, transformación e resiliencia

Convenios coas Federacións deportivas para a organización de competicións en materia de promoción da igualdade e inclusión no deporte federado

Volta Galicia 2025. Federación Galega de Ciclismo

www.fgalegaciclismo.es

bottom of page