A tirada do domingo ofrece un fermoso percorrido de 133,6 quilómetros con saída e chegada na Praza do Concello
A Volta Ciclista a Galicia 2023 terá a súa última parada en Pontevedra. Saída e meta estarán situadas no municipio da Boa Vila, protagonista indiscutíbel ao igual que os deportistas que buscarán a gloria nos últimos quilómetros que lles queden por percorrer nesta cuarta e derradeira etapa.
A cita deportiva acada a súa 21ª edición e será celebrada entre o 14 e o 17 de setembro, sendo este último día no que Pontevedra e a súa comarca poidan gozar do máis alto nivel ciclista galego. O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, presentou este martes a última etapa acompañado do presidente da Federación Ciclismo Galego, Juan Carlos Muñiz, sinalando o incríbel que será ver a meta na Praza do Concello aplaudindo a todos os deportistas que a atravesen.
Até 16 equipos, 8 galegos —entre os que aparece o Grupo Deportivo Supermercados Froiz— e 8 chegados doutros puntos da Península, participarán nunha cita elevada como a máis importante do seu tipo dentro do territorio estatal. "Estamos encantados de recibir un evento deste tipo. Pontevedra é deporte, Pontevedra ama o deporte e estamos ante outro exemplo máis que permitirá ver o público da cidade entregado e aplaudindo", indicou o rexedor.
Muñiz destacou a beleza do percorrido, subliñando a importancia da colaboración do Concello de Pontevedra para a realización da proba. "Xa acabamos a volta do 2015 neste espazo e repetir é un luxo", sinalou. "Teño gratos recordos daquel día, un día fermosísimo que teño gravado na memoria".
Toda a información sobre a XXI Volta a Galicia está dispoñible na súa páxina web oficial www.voltagalicia.com e pode atoparse nas redes sociais a través do cancelo #VoltaGalicia2023.
Comments