top of page
errepetres

A Volta Galicia homenaxea a Gustavo César Veloso cun percorrido montañoso


A rolda elite-sub23 que se disputa do 14 ao 17 de setembro desvelou os seus detalles na Cidade da Cultura


O municipio lucense da Pobra do Brollón, o ourensán da Pobra de Trives e a cidade de Pontevedra serán as capitais da Volta Ciclista Galicia para corredores da categoría Elite-Sub23 que se celebrará do 14 ao 17 de setembro. A XXI edición da rolda organizada pola Federación Ciclismo Galego (FCG) presentouse esta mañá na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela. Dezaseis equipos estarán na liña de saída dun percorrido montañoso co que se homenaxea a Gustavo César Veloso, un dos grandes referentes do ciclismo autonómico durante as dúas últimas décadas.


Diego Calvo, vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia, referiuse a Veloso como “un dos nosos mellores ciclistas”. Gañador dunha etapa da Vuelta a España, da xeral da Volta da Catalunya e dúas veces líder final da Volta a Portugal, o arousán competiu durante 20 anos a nivel profesional. Actual director deportivo do conxunto luso Tavfer-Ovos Matinados-Mortágua, non puido asistir ao acto que tivo lugar na Sala Cinc da Cidade da Cultura por atoparse co seu equipo en plena disputa do Grande Prémio JN en Portugal.


A iniciativa de dedicar cada edición da Volta a unha figura deste deporte en Galicia subliñouna José Ramón Lete Lasa, Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, recordando a algúns dos homenaxeados nos últimos anos como Álvaro Pino, Óscar Pereiro, Magín Froiz e Guillermo Sande.


“Esta proba é un escaparate extraordinario para dar visibilidade ao deporte galego e en especial ao da bicicleta”, afirmou José Ramón Lete. Pola súa banda, Diego Calvo sinalou que para a Xunta de Galicia resulta “fundamental” estar nun evento como este e desexou que “a emoción por coñecer ao gañador da Volta se manteña ata o quilómetro final da última etapa”.


Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG, definiu esta carreira coa palabra “ilusión” e lembrou que se trata dunha proba do máximo nivel dentro do calendario estatal da súa categoría. Un dos seus agradecementos máis especiais dirixiuno á Garda Civil de Tráfico, encargada de velar pola seguridade de evento, que tivo como voceiro neste acto ao comandante José María Martínez. O responsable da Benemérita explicou que “a Agrupación de Tráfico contará cun dispositivo formado por 30 motoristas e seis axentes con misións loxísticas”.


Catro etapas

O percorrido da Volta a Galicia arranca con dúas xornadas na Pobra do Brollón. Esta localidade da provincia de Lugo acollerá o xoves 14 unha contra o reloxo individual de 6,7 quilómetros e ao día seguinte será o punto de saída e de chegada dun itinerario de 148 km, que inclúe tres portos de montaña. O seu alcalde José Luis Maceda indicou que esta competición permite “revitalizar e dar a coñecer” a un concello que o ano pasado “sufriu un dos incendios máis importantes de Galicia”.


A caravana desta proba trasladarase o sábado á provincia de Ourense. O municipio da Pobra de Trives desfrutará do arranque e da conclusión dunha tirada 148 km, de novo con tres altos puntuables, e que está considerada a etapa raíña desta edición. “Queremos dar as grazas á organización por ter apostado pola nosa vila, pola nosa comarca e polo interior da nosa provincia porque é moi importante dar visibilidade ao rural galego”, asegurou a alcaldesa Patricia Domínguez, que estivo acompañada por Fermín Santoveña e apuntou que a Volta coincide coas festas patronais da súa localidade.


A clausura da rolda galega terá como escenario a cidade de Pontevedra, onde o domingo se porá en marcha e finalizará un trazado de 133 km no que unha vez máis os ciclistas deberán ascender tres portos de montaña. Na Boa Vila coñecerase quen é o sucesor do aragonés Fernando Tercero, gañador da Volta no 2022 vestindo as cores do Eolo-Kometa, estrutura coa que compite na actualidade no campo profesional.


Dezaseis equipos

O pelotón dunha das últimas citas da temporada no calendario Elite-Sub23 da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC) estará composto por 112 ciclistas pertencentes a dezaseis equipos. A metade dos conxuntos son galegos -Supermercados Froiz, High Level-Gsport-Grupo Innova Tormo, Vigo-Rías Baixas, Louriña – Team XE, Retelec-Ambilamp, Padronés-Cortizo, Team Oiense-Escuela Estévez e o Club Ciclista Vigués- e mediranse a oito potentes escuadras do resto do estado -Eolo-Kometa, Gomur Cantabria, Nesta MMR, Finisher-Kern Pharma, Maglia Tecnosylva-Bembibre, Bicicletas Rodríguez Extremadura, Telco’m On Clima Osés e Caja Rural – Alea.


Toda a información sobre a XXI Volta Ciclista a Galicia está dispoñible na súa páxina web oficial www.voltagalicia.com e o cancelo oficial do evento é #VoltaGalicia2023

10 visualizaciones0 comentarios

Comments


  • Facebook
  • Twitter
  • YouTube
  • Instagram
bottom of page