top of page

Diego Uriarte impúxose no prólogo de 6,7 km por diante dos irmáns Aznar

O Finisher asina unha tripla na apertura da Volta a Galicia en A Pobra do Brollón



Como se fose o Jumbo-Visma na Vuelta a España, o conxunto navarro do Finisher copou o podio na contra o reloxo inaugural da Volta a Galicia na localidade lucense da Pobra do Brollón. Diego Uriarte anotouse o prólogo de 6,7 quilómetros cun tempo de 8 minutos 19 segundos, superando por dez segundos aos irmáns Aznar, Unai e Hugo, segundo e terceiro respectivamente. A rolda autonómica elite-sub23 volverá ter este venres o municipio guímaro como punto de saída e chegada no primeiro contacto coa montaña.


No aperitivo da Volta marcáronse diferenzas notables nun percorrido rápido e que tiña como punto máis esixente a subida de A Pousa, unha costa de 300 metros ao 10% de desnivel. O dominio do Finisher, filial do Kern Pharma profesional, comezou na liña de meta coa entrada de Unai Aznar, actual campión de España sub-23 de contra o reloxo individual, que mediada a ‘crono’ detivo o reloxo en 8’29”.


O único ciclista que durante máis de media se achegou ao tempo do campión estatal foi o seu irmán Hugo, que se quedou a 59 centésimas de igualalo. Houbo que agardar á última quenda de saída de cada equipo para que un corredor evitara o ‘dobrete’ dos Aznar e ese foi o seu compañeiro Diego Uriarte. O sub23 navarro exhibiuse rodando a 48,3 km/h de media.


“Saín a tope. Os dous últimos quilómetros eran moi rápidos e custaba manter a cadencia. Xa se verá quen é o líder do equipo, quedan días moi duros e a estrada poranos no noso sitio”, declarou o gañador. A cuarta praza correspondeu Raúl López (Eolo Kometa) e a quinta Marc Torres (Padronés-Cortizo). O arousán Martín Rey (Padronés-Cortizo), que ocupou a oitava posición, vestiuse coa primeira camisola de mellor galego.

A entrega de premios contou coa presenza de Xose Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón; de Ricardo Rodicio, concelleiro de Deportes; de Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego; e de Gustavo César Veloso, homenaxeado nesta edición da Volta a Galicia.


Etapa montañosa

Logo da loita contra o reloxo, os ciclistas volverán ter este venres a mirada posta en A Pobra do Brollón para a primeira etapa en liña. No primeiro contacto coa montaña agárdase a principal dureza concéntrase no último terzo dos 148 km co encadeamento dos alto de A Casala e Airapadrón.


Non tardarán os corredores en pelexar polos primeiros puntos da montaña e é que con pouco máis de 15 quilómetros nas pernas comezarán as primeiras ramplas do alto de Oural (3ª categoría-km 21). Neste percorrido pola provincia lucense pouco despois atoparanse coa Meta Volante de Sarria (km 31,5) e a continuación agárdalles un continuo sobe e baixa antes de afrontar o primeiro paso por A Pobra do Brollón, que tamén será Meta Volante (km 78).

Desde aí os ciclistas irán gañando altura aos poucos cara a Trascastro, onde empezarán os durísimos 50 quilómetros finais. Primeiro superaranse os 7 quilómetros de A Casela (2ª categoría-km 103,8), cunha media a case o 6%, pero longas zonas de dous díxitos, para tras un curto descenso, afrontar o durísimo alto de Airapadrón (1ª categoría-km 120). Esta subida presenta quilómetros enteiros ao 10% e dende o seu cumio restarán 28 quilómetros, a maioría deles moi favorable, para a conclusión da xornada no corazón de A Pobra do Brollón. Todo isto na véspera da tirada raíña en A Pobra de Trives.


Retransmisión en directo

As etapas da Volta a Galicia poden seguirse en directo dende calquera parte do mundo a través da retransmisión en streaming que ofrece SportpublicTV na súa canle de YouTube. Os contidos sobre a rolda autonómica elite-sub23 compártense nas redes sociais co cancelo #VoltaGalicia2023 e toda a información da proba atópase na súa páxina web oficial www.voltagalicia.com

36 visualizaciones0 comentarios
  • Facebook
  • Twitter
  • YouTube
  • Instagram
bottom of page