top of page
errepetres

A Volta Ciclista Galicia dedicada a Guillermo Sande presentouse en Ponteareas

A rolda Elite-Sub23 volve ás estradas este xoves tras o obrigado parón da pasada campaña. Faino con catro xornadas con Ponteareas, Muras e Cariño como sedes das etapas.


Regresa o mellor ciclismo a Galicia. Tras acoller as tres etapas finais da Vuelta España e as catro da Challenge La Vuelta feminina, chega a quenda da Volta Ciclista Galicia que se disputará do 16 ao 19 de setembro baixo a organización da Federación Ciclismo Galego.

O Colexio Fermín Bouza Brey en Ponteareas acolleu a presentación da carreira, coa presenza de José Ramón Lete Lasa, Secretario Xeral de Deportes da Xunta de Galicia; Cristina Fernández Davila, alcaldesa de Ponteareas; Miguel Bouzó, concelleiro de Deportes de Ponteareas; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego; os exciclistas Álvaro Pino e Ezequiel Mosquera; representantes do Sector de Tráfico da Garda Civil; e membros de varios das formacións galegas que van participar na Volta.

“A Volta a Galicia recolle a testemuña da Vuelta a España”, sinalou José Ramón Lete Lasa, que felicitou á Federación por elixir Ponteareas como punto de partida: “Non podía haber mellor escenario que a terra de Álvaro Pino, dos irmáns Rodríguez e tamén de Borja Gómez, que foi alumno deste colexio e que no ano 2018 marcou un fito extraordinario ao competir coas capacidades que el ten no Campionato de España de Ciclocrós”.


Percorrido e equipos

No acto, desveláronse os detalles do percorrido, que inclúe unha contra o reloxo inicial en Ponteareas de 6 quilómetros con varias costas e xiros técnicos. A segunda xornada tamén en Ponteareas expón un total de 143 quilómetros con dúas ascensións a metade de etapa e dúas voltas a un circuíto final con paso pola subida a Vilasobroso.

A carreira desprazarase a Lugo para disputar a terceira etapa. A saída e meta en Muras, os portos máis esixentes na parte inicial (dúas subidas de segunda categoría como As Lobeiras e San Vicente) e a definitiva ascensión a Viveiró a 10 quilómetros de meta como antesala da traca final. E é que a Volta a Galicia deixa para a xornada do domingo en Cariño unha etapa moi parecida á que decidiu a Volta Coruña 2019. As subidas de A Faladoira e Cruz Encarnada deixarán paso á Garita de Herbeira, de primeira categoría cos seus últimos 5 quilómetros a máis do 7% de pendente, e que desde a súa cima propón un revirado e técnico descenso ata a meta tras 125 quilómetros.

Os 17 equipos que tomarán parte da competición son os galegos Aluminios Cortizo, GSport-Grupo Innova Tormo, Lasal Cociñas-Louriña, Club Ciclista Vigués/ Telcom On Clima Osés, Oiense Turonia Maglia, Team Farto BTC, Supermercados Froiz, Retelec Alca e Vigo-Rías Baixas, os cántabros do Gomur-Cantabria, os madrileños do EOLO Kometa, os navarros do Caja Rural-Seguros RGA, os leoneses do Previley Coforma Atra Sport e do León ULB, os extremeños do Bicicletas Rodríguez-Estremadura, os asturianos do Ciudad de Oviedo e os portugueses do Fortunna Maia.

Na nómina de favoritos da carreira, Raúl García de Mateos (Cortizo), Pablo Alonso (Froiz) ou Benjamí Prades (Vigo-Rías Baixas) son algúns dos máximos aspirantes ao triunfo final. O último vencedor da proba foi Martí Márquez ( Lizarte), agora profesional co Kern Pharma. A carreira terá emisión por streaming en directo a través de EMESport, o que garante unha cobertura total para non perder detalle do que vaia sucedendo nesta proba Elite-Sub23.


Homenaxes

Esta edición da Volta está dedicada a Guillermo Sande, falecido o pasado mes de xaneiro. Coa presenza nesta presentación das súas irmás María del Mar e Nuria, enxalzouse a figura de quen foi durante case 25 anos responsable técnico da Federación Ciclismo Galego. “O voso irmán tiña moitos amigos e, sobre todo, era unha persoa querida. Agora estádelo vendo, o apreciado que era por parte do ciclismo galego e de todos os que puidemos traballar con el”, afirmou emocionado Juan Carlos Muñiz. Un recoñecemento ao que se sumou a Garda Civil coa entrega dun recordo por parte do tenente responsable do operativo de tráfico, Antonio Cid.

Outro momento especial viviuse coa celebración do 35 aniversario da vitoria de Álvaro Pino na Vuelta a España. A organización da Volta rememorou o triunfo máis importante na carreira do exciclista ponteareán coa emisión dun vídeo. O homenaxeado, estando na súa localidade natal, tomou a palabra para dirixirse aos alumnos do colexio Fermín Bouza Brey que asistiron a este acto para animalos a que sigan os seus pasos e gocen da bicicleta.


Esta edición homenaxea o falecido Guillermo Sande e ó 35 aniversario da victoria de Álvaro Pina na Vuelta a España.

71 visualizaciones0 comentarios

Comments


  • Facebook
  • Twitter
  • YouTube
  • Instagram
bottom of page