O manchego do Eolo Kometa descolgou ao colombiano Saúl Burgos na ascensión á montaña ourensá. O novo líder defenderá este domingo na etapa final de Ponteareas unha renda de 1:02 respecto ao mexicano Édgar Cadena
Fernando Tercero leva dous anos facendo honra ao seu apelido na Volta Galicia. O ano pasado rematou terceiro na xeral tras gañar a terceira etapa e este sábado volveu impoñerse na terceira tirada da rolda autonómica para corredores Elite-Sub23. Porén, todo apunta a que o seu triunfo en Manzaneda vai significar o fin desta curiosa coincidencia. O ciclista do Eolo Kometa vestiuse de líder grazas a unha exhibición na subida á estación de montaña ourensá e afronta a última xornada cunha cómoda vantaxe para concluír a XX edición desta proba como primeiro.
A etapa raíña da Volta marcou grandes diferenzas, tal e como era de agardar nun percorrido digno de calquera tirada de montaña do ciclismo profesional: en 114 quilómetros acumulábanse máis de 3.000 metros de desnivel positivo. Tratábase dun desafío reservado a escaladores, pero a clave estivo nun descenso. Na baixada do penúltimo porto Fernando Tercero atacou na compaña do colombiano Saúl Burgos (Telco.On Clima Osés) e ambos resultaron inalcanzables para o resto de favoritos.
Co neozelandés Alexander White (Lasal Cocinas-Louriña) lucindo a camisola amarela, a xornada arrancou de xeito neutralizado dende Manzaneda. O itinerario que transitaba por nove concellos da provincia de Ourense presentaba a primeira Meta Volante no Barco de Valdeorras (km 29), por onde pasou en cabeza Francisco Rus. O ciclista do Padronés-Cortiza formaba parte dunha escapada que chegaron a compoñer dezanove unidades, un numeroso grupo que foi absorbido no Alto da Portela (km 45), de 2ª categoría, ascensión na que o líder White se descolgou do pelotón.
Yago Segovia ocupou o segundo posto no paso polo premio da Montaña, por detrás de Isaac Cantón (Supermercados Froiz), e posteriormente o representante do Gomur Cantabria Infinita protagonizou unha cabalgada en solitario. Mentres o corredor que intentaba sorprender aos favoritos se anotaba a Meta Volante da Veiga (km 67) e o porto de Soutipidre (km 95), de 2ª categoría, o grupo principal quedaba reducido a menos dunha quincena de unidades.
Ataque baixando
O movemento clave chegou no descenso do segundo e penúltimo alto. Tercero arriscou na baixada e a súa roda soldouse Burgos. Segundo clasificado na etapa do día anterior en Taboada, o do Eolo Kometa non atopou ningún tipo de colaboración no colombiano e o dúo adiantou a Segovia a falta de 10 km para a meta, cando se cumprían os primeiros 2.000 metros de ascensión a Manzaneda.
O grupo que intentaba botar a luva aos dous de cabeza integrábano catro corredores: o estadounidense Barry Miller (Vigo-Rías Baixas), o andaluz David Delgado (Bicicletas Rodríguez Extremadura), o madrileño Gabriel Rodas (Caja Rural Alea) e o mexicano Edgar Cadena (Telco.On Clima Osés). Malia a superioridade numérica, o cuarteto non conseguiu reducir as diferenzas e cando restaban 6 km para a liña de chegada Tercero deu o golpe definitivo á etapa, soltando a Burgos.
O ciclista de Valdepeñas alcanzou a meta de Manzaneda cun tempo de 3:25:31. O novo líder avantaxou en 58” a Burgos e en 1:02 a Cadena, que bateu ao esprint a Delgado. O top-5 completouno Miller.
Na xeral, Tercero manda por diante de dous corredores do Telco.On, cun colchón de 1:02 sobre Cadena e de 1:09 respecto a Burgos. O manchego tamén recibiu no podio a camisola de mellor Sub23. O maillot das Metas Volantes corresponde a Jorge González (Gomur Cantabria), o da Montaña a Cadena e o de primeiro galego a Manuel Rodríguez (Supermercados Froiz).
A entrega de premios contou coa presenza de Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Gabriel Alén, delegado da Xunta de Galicia en Ourense; Manuel Pérez, xefe de servizo da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta en Ourense; Amable Fernández, alcalde de Manzaneda; Víctor Picos, director da Estación de Montaña de Manzaneda; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego; Carlos Canal corredor profesional e Eva Castro, corredora de Descenso.
Ponteareas
Este domingo a Volta Galicia regresa á provincia de Pontevedra tras ter comezado o xoves en Poio. A última etapa ten a localidade de Ponteareas como saída e meta. Esta tirada de 124 km porase en marcha ás 10:00 horas e non será nin moito menos un paseo para o líder.
Os dous primeiros puntos quentes repartirán puntos para as Metas Volantes, O Porriño (km 9) e As Neves (km 43), e a continuación chegarán dous portos de Montaña: primeiro o de Rubiós (km 47), de 3ª categoría, e despois o de Estacas (km 84), de 2ª categoría. O desenlace da rolda autonómica está previsto para as 13:00 horas na Avenida da Constitución.
Tercero: “Foi practicamente unha contra o reloxo”
“A etapa foi moi dura e en especial a última subida. No descenso do penúltimo porte decidín baixar rápido, intentar cortar un pouco, porque sabía que a estrada estaba nun estado un pouco regular e era técnica. Abrín oco e ata a meta foi practicamente unha contra o reloxo. É unha vitoria tanto miña como do equipo porque os compañeiros levan toda a Volta facendo un traballo de dez”.
Comments