top of page
errepetres

Fran Agea gaña en Ponteareas e Álex Martín é o novo líder da Volta Ciclista Galicia

Segunda etapa marcada pola chuvia e unha potente escapada da que saíu o vencedor e o novo maillot amarelo, tras neutralizar o intento inicial e xa no circuíto final de Mondariz-Vilasobroso.


Xornada de infarto na que se loitou e pelexou a escapada inicial. Superada a Meta Volante do Porriño, onde Miguel Ángel Fernández (Vigo-Rías Baixas) pasou en primeira posición, conseguíase destacar un grupo de 8 ciclistas con Edwin Torres (Cortizo), Alejandro Martínez e Borja Teruel (León ULB Globalia), Dani Mellado (Gsport), Álvaro Carasa (Vigo-Rías Baixas) ou Nicholas Cooper (Farto BTC).

Neutralizados no quilómetro 34, saltaron camiño á primeira subida puntuable Barry Miller (Lasal Cociñas- Louriña) e Gonçalo Beato, aos que se uniron Francisco García Rus (Cortizo), Antonio Barbero (León ULB Globalia) e Davin Shortt (Previley). A colaboración entre eles permitiulles pasar A Cañiza destacados, con García Rus en primeira posición.

Esta aventura concluía no descenso, cun tempo cada vez máis desapracible, chuvia e temperaturas baixas. Xuntouse a carreira e afrontaron A Franqueira un novo corte de 14 ciclistas. Javier Serrano e Álex Martín (EOLO Kometa), Pablo Ara e Miguel Ángel Fernández (Vigo Rías Baixas), que consolidou o liderado das Metas Volantes pasando primeiro por Ponteareas, Ramón Fernández e Dani Jiménez (Froiz), David Domínguez e Antonio Barbero (León ULB Globalia), Josué Gómez e Miguel Ángel Silva (Gsport), Fran Agea (Gomur), Julen Arriolabengoa e Richard Gora (Caja Rural) e Guillermo Silva (Previley). Desta fuga, de moita calidade, saíu o vencedor e o novo líder.

Alcanzaron 1 minuto e 22 segundos de diferenza xa dentro do circuíto final. Mentres o Vigo-Rías Baixas, o Bicicletas Rodríguez-Estremadura e o Caja Rural tiraban do pelotón, na fuga empezaron os movementos, cos corredores do EOLO Kometa activos e mantendo a vantaxe.


Brustenga cedeu

Da loita pola xeral despedíase na primeira ascensión a Vilasobroso o líder Marc Brustenga (Caja Rural), que se descolgaba do pelotón. Por diante, saltaron Ramón Fernández e David Domínguez na última subida, pero controlaron ben a distancia o resto do grupo e botáronlles man xa dentro dos últimos 5 quilómetros. Na chegada, Fran Agea impuxo a súa velocidade por diante de Daniel Jiménez e Guillermo Silva. Álex Martín foi cuarto e vestiuse de líder.

Subiron ao podio os propios Fran Agea e Álex Martín, este último tamén como líder sub-23. As Metas Volantes foron para Miguel Ángel Fernández, a montaña para Ramón Fernández e segue sendo o mellor galego Rubén Fernández (Retelec ALCA). A clasificación por equipos continúa encabezada polo EOLO Kometa.

Na entrega de premios estiveron presentes Daniel Benavides, xefe do servizo de Deportes da Xunta de Galicia en Pontevedra, a alcaldesa Cristina Fernández e o concelleiro de deportes de Ponteareas, Miguel Bouzó, xunto ao exciclista profesional Álvaro Pino.

O gañador da etapa Fran Agea sinalou que "se neutralizou a escapada moi rápido e estaba claro que ía formarse outra. Ademais, choveu de forma intensa, a estrada estaba perigosa e fómonos 14. Seleccionouse e aínda que algúns o tentaron de lonxe, eu mesmo ataquei, pero vin que había moito terreo para coller así que ma xoguei ao esprint e saíu ben".

A terceira xornada desta Volta Ciclista Galicia levará aos corredores á provincia de Lugo. Con saída e chegada en Muras, están previstos 149 quilómetros que presentan dúas ascensións de 2ª categoría na primeira metade do percorrido e a subida final a Viveiró (3km ao 6%) a tan só 10 quilómetros da liña de meta.

"Seleccionouse a escapada e aínda que algúns o tentaron de lonxe, eu mesmo ataquei, pero vin que había moito terreo para coller así que ma xoguei ao esprint e saíu ben"" Fran Agea

45 visualizaciones0 comentarios

Comentarios


  • Facebook
  • Twitter
  • YouTube
  • Instagram
bottom of page