top of page
errepetres

Francesc Bennassar impón a lei do Padronés Cortizo no prólogo de Sarria

O corredor balear bateu por 7 segundos a Ailetz Lasa na apertura da Volta a Galicia




O equipo que se apuntou a xeral da Volta Ciclista a Galicia o ano pasado comeza mandando na 22ª edición da rolda que pecha o calendario estatal elite e sub-23. Francesc Bennassar, do Padronés Cortizo, marcou este xoves o mellor tempo no prólogo de 7,1 quilómetros que tivo como escenario Sarria. O corredor balear defenderá a camisola de líder na primeira tirada en liña que comezará e rematará na mesma localidade lucense que acolleu o arranque da proba.

A contra o reloxo individual celebrouse a continuación do acto protocolario do corte de cinta no que se homenaxeou a Manuel Armesto, fundador do Club Ciclista Sarriano. Nun percorrido no que a dureza se concentraba nos últimos 500 metros, na subida á Rúa Maior, o sub-23 Francesc Bennassar detivo o reloxo en 9 minutos e 18 segundos, batendo por 7” o rexistro do navarro Ailetz Lasa (Telco ON Clima Osés). O terceiro clasificado foi o portugués Lucas Lopes (Supermercados Froiz), a 8” do gañador.

O cuarto posto ocupouno Miguel Rodríguez (Supermercados Froiz) mellor galego logo de quedarse a 12” de Bennassar. O top-5 pechouno Vojtech Kminek (Padronés Cortizo), a 14” do seu compañeiro de equipo. O gañador da pasada edición, o arousán Martín Rey (Padronés Cortizo) fixo décimo, cedendo 20”.





Etapa de media montaña

O trazado deseñado para o segundo día da Volta a Galicia, de novo con saída e chegada en Sarria, conta con 160 quilómetros nos que os ciclistas tamén transitarán outros concellos da comarcas e da de Lugo como Samos, Láncara, O Páramo, O Corgo, Castroverde, Baralla e Lugo (Nadela). A etapa comezará ás 12:00 horas na Rúa da Liberdade e rematará no mesmo punto ao redor das 16:00 h. Trátase dun itinerario de media montaña con terreo bastante rápido, rompepernas e tres portos de montaña de 3ª categoría.

 A primeira parte do percorrido levará ao pelotón cara a Lugo a través dun terreo sen importantes dificultades. Unha das novidades nesta edición son as bonificacións e os primeiros segundos (3, 2 e 1) repartiranse na Meta Volante de Castroverde (km 41,6). A continuación,  o alto de Baralla (km 62) abrirá a loita pola clasificación da Montaña.





A carreira retornará a Sarria para disputar dúas Metas Volantes na Rúa da Liberdade (km 97 e 128) no bucle de algo máis de 30 quilómetros que se realizará en dúas ocasións e que inclúe o porto puntuable de Montán (km 116 e 147). Unha vez que se coroe por segunda vez esta ascensión, restarán só 12 quilómetros en baixada ata a liña de meta, onde se outorgarán 10 segundos, 6 e 4 aos tres primeiros clasificados.

Toda a información sobre a 22ª Volta Ciclista a Galicia está dispoñible na súa páxina web oficial www.voltagalicia.com e o cancelo oficial do evento é #VoltaGalicia2024


Clasificacións:


12 visualizaciones0 comentarios

Comments


  • Facebook
  • Twitter
  • YouTube
  • Instagram
bottom of page