top of page

Jorge González anótase a etapa de Ponteareas na coroación de Fernando Tercero como gañador da Volta

O corredor do Gomur Cantabria rematou o traballo do seu equipo nunha longa e numerosa escapada. O líder resistiu os ataques do mexicano Édgar Cadena e deulle ao Eolo Kometa o seu segundo triunfo consecutivo na xeral da rolda galega



Fernando Tercero chegou por segundo ano consecutivo vestido de líder á última etapa da Volta Ciclista Galicia e nesta ocasión non cedeu a camisola amarela. O corredor manchego do Eolo Kometa, gañador o sábado en Manzaneda, resistiu este domingo os ataques do segundo clasificado Édgar Cadena (Telco.On Clima Osés). O triunfo na xeral xogouse por detrás dunha numerosa escapada na que o asturiano Jorge González (Gomur Cantabria Infinita) foi o máis rápido no colofón da rolda autonómica Elite-Sub23 en Ponteareas.

A XX edición da Volta regresou a Pontevedra, a provincia na que arrancou o pasado xoves, para vivir o seu epílogo nunha vila na que naceron tres gañadores da Vuelta España. Os 124 quilómetros con saída e meta en Ponteareas convidaban a buscar unha escapada e apenas houbo que agardar para que a fuga da xornada se consolidara. Entre as 24 unidades que abandonaron a disciplina do pelotón non se filtrou ningún ciclista que resultara unha ameaza para o líder.


Jorge González pasou primeiro polas Metas Volantes do Porriño (km 9) e As Neves (km 43,9) certificando o primeiro posto nunha clasificación que dominou dende a primeira etapa. Outra camisola, a da Montaña, conseguiuna Isaac Cantón (Supermercados Froiz) ao coroar en cabeza os dous portos desta xornada, o de 3ª categoría de Rubiós (km 47) e o de 2ª de Estacas (km 84). Os puntos sumados permitiron ao corredor do conxunto pontevedrés arrebatarlle o maillot branco con puntos vermellos ao mexicano Edgar Cadena.

Entre unha e outra ascensión rodou ao fronte da carreira en solitario Álvaro Carasa. O ciclista do Vigo-Rías Baixas foi neutralizado polos seus compañeiros de escapada na subida a Estacas, onde o grupo de 24 se seleccionou quedando en cabeza nove corredores, tres deles do Gomur. O equipo que tiña máis representación controlou para que a vitoria se decidira ao esprint e Jorge González rematou o traballo da formación cántabra. O vencedor da etapa, cun tempo de 3:02:50, impúxose por diante do uruguaio Thomas Silva (Previley Maglia) e do asturiano Samuel Fernández (Caja Rural-Alea), segundo e terceiro respectivamente.



Loita pola xeral

A fuga, que chegou a contar cunha diferenza máxima de 4 minutos, presentouse na meta 1 minuto e 12 segundos antes de que o fixera o pelotón. Os primeiros da xeral entraron xuntos, un desenlace que intentou evitar Edgar Cadena. O mexicano, que comezara a etapa a 1:02 Fernando Tercero, atacou na subida a Estacas e na aproximación a Ponteareas. O líder aguantou os cambios de ritmo do segundo clasificado e nos últimos metros da Volta festexou o seu triunfo.

Terceiro o pasado ano na rolda galega, o ciclista de Valdepeñas sucede no palmarés desta proba ao catalán Álex Martín e deulle ao Eolo Kometa o seu segundo triunfo consecutivo na xeral da Volta. Tercero estivo escoltado no podio final por dous corredores do Telco.On Clima Osés, Cadena e o colombiano Saúl Burgos. Ademais, o manchego recibiu a camisola branca de mellor Sub23 na que foi a súa última competición como amateur en España dado que a vindeira temporada estrearase no pelotón profesional.



Jorge González, gañador da etapa e das Metas Volantes, Isaac Cantón como rei da Montaña e o ponteareán Manuel Rodríguez (Supermercados Froiz), primeiro galego na xeral da Volta, tamén subiron ao podio final no que o Telco.On Clima Osés recolleu o premio de vencedor por equipos.

Na cerimonia de clausura do evento organizado pola Federación Ciclismo Galego (FCG) participaron José Ramón Lete Lasa, Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; Cristina Fernández, alcaldesa de Ponteareas; Miguel Bouzó, concelleiro de Deportes; Juan Carlos Muñiz, presidente da FCG; Manuel Gregores, presidente do Club Ciclista Ponteareas; Borja Gómez Méndez, corredor do Club Ciclista Ponteareas; Ana Ruso, de Toyota Compostela Móvil; Pedro Alfaro, de B Travel; e os excorredores Ezequiel Mosquera e Tony Pérez.


Fernando Tercero: “Cadena fíxome sufrir”

“Estou moi contento por conseguir a vitoria, nolo puxeron moi difícil. Grazas ao traballo do equipo, que foi espectacular dende o primeiro minuto da Volta, puidémolo salvar. Cadena atacou varias veces na subida longa e a falta de 3 quilómetros volveu atacar, bastante duro, e fíxome sufrir. Esta Volta foi bastante máis dura que a do ano pasado. A min gústame porque canto máis dura sexa, normalmente, mellor se me dá”.

13 visualizaciones0 comentarios
  • Facebook
  • Twitter
  • YouTube
  • Instagram
bottom of page