top of page

Marc Brustenga celebra o seu salto a profesionais vencendo no prólogo da Volta Galicia en Ponteareas

O corredor catalán do Caja Rural-Seguros RGA é o primeiro líder da rolda autonómico con 6 segundos de vantaxe sobre Noel Martín (Vigo-Rías Baixas).


A localidade pontevedresa de Ponteareas acolleu a proba contra o crono inicial da Volta a Galicia. Foron 6 quilómetros con varias subidas curtas nos que deron as súas primeiras pedaladas os corredores que disputarán ata o domingo a carreira.

O protocolario corte de cinta que abriu a competición contou coa presenza de Cristina Fernández, alcaldesa de Ponteareas, xunto a Miguel Bouzó, concelleiro de deportes e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego. Ademais, rendeuse unha sentida homenaxe a Guillermo Sande con entrega de varios ramos de flores e recordos por parte da Federación Ciclismo Galego e Garda Civil de Tráfico ás súas irmás Nuria e María del Mar. Ás 18 h, Sergio Álvarez do equipo Oiense Turonia Maglia tivo a honra de abrir a Volta a Galicia, nesta edición especial homenaxe a Guillermo Sande.

Os primeiros tempos a destacar na chegada asináronos Eduardo Pérez Landaluce con 8 minutos e 2 segundos, ou Eric Fagúndez (Cortizo), con 7 minutos e 56 segundos. Non se alcanzara o ecuador da proba cando Marc Brustenga marcou un tempo de 7 minutos e 36 segundos, que sería o mellor da xornada. Achegáronse a esa marca varios ciclistas do EOLO Kometa como Yago Segovia ou Fernando Tercero, pero Brustenga puido manter o seu liderado ata o final.

No podio, Marc Brustenga levou case todos os premios e camisolas de líder: a xeral, a regularidade, o primeiro sub-23... O mellor equipo foi o EOLO Kometa e o primeiro galego Rubén Fernández (Team Aluminios ALCA Cycling Galicia). Entregaron os diferentes galardóns de novo Cristina Fernández, alcaldesa de Ponteareas, xunto a Miguel Bouzó, concelleiro de deportes da localidade e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego.

O gañador da etapa sinalou que “estou moi contento co triunfo de hoxe. Levaba arrastrando unhas semanas nas que as cousas non saían como quería, pero este triunfo dáme a forza para afrontar as tres etapas que quedan. A clave da contra o reloxo era non ir 'a tope' desde o principio, gardar para chegar forte á parte final e por suposto, limar moito nas curvas. Dixéronme que é unha Volta a Galicia moi dura, imos tratar de manter o liderado e espero que se non son eu, sexa outro compañeiro o que poida levar a vitoria".

Mañá venres a localidade de Ponteareas acolle a segunda etapa e primeira xornada en liña da carreira. Serán 143 quilómetros que inclúen as Metas Volantes do Porriño e Ponteareas (primeiro paso por meta), as ascensións á Cañiza e A Franqueira (3ª categoría) na segunda metade de etapa e un dobre circuíto final de 16 quilómetros, con senllos pasos por meta e ascensións a Vilasobroso (2'2km ao 7'5%), o último deles a menos de 7 quilómetros da chegada.


"Dixéronme que é unha Volta a Galicia moi dura, imos tratar de manter o liderato e espero que se non son eu, sexa outro compañeiro o que poida levar a vitoria" Marc Brustenga

45 visualizaciones0 comentarios

댓글


  • Facebook
  • Twitter
  • YouTube
  • Instagram
bottom of page