O arousán do Padronés-Cortizo mantivo a camisola amarela nun final marcado polo pesadelo que viviu Samuel Fernández en Pontevedra. O triunfo parcial logrouno Daniel Cavia.
Seis anos despois un corredor galego volveu conquistar a Volta elite-sub23 da súa comunidade. O arousán Martín Rey (Padronés-Cortizo), de 20 anos, coroouse este domingo na Praza de España de Pontevedra como o gañador máis novo na historia desta rolda tras recuperar nos últimos metros unha camisola amarela que virtualmente tiña perdida. O ciclista que ía camiño de arrebatarlla, o asturiano Samuel Fernández (Caja Rural – Alea), viviu un pesadelo a falta de 1,5 quilómetros para a liña de meta, onde obtivo o triunfo parcial o castelanleonés Daniel Cavia (Gomur Cantabria Infinita).
Agardábase que a XXI edición da Volta a Galicia resultara vibrante debido ao nivel de participación e á dureza do percorrido, pero o espectáculo ofrecido polos corredores superou calquera previsión. Despois de dúas tiradas montañosas, a cuarta e derradeira xornada non ofrecía sobre o papel un itinerario tan selectivo, unha teoría que non se cumpriu na práctica. A axustada situación no máis alto da xeral, cos tres primeiros separados por tan so 5 segundos, e a aparición da chuvia formaron un cóctel explosivo nos 133 quilómetros con saída e chegada en Pontevedra.
A primeira incógnita a despexar era a da loita pola camisola das Metas Volantes e comezou a resolverse en Sanxenxo. Jason Huertas (Lasal Cocinas-Louriña) pasou en solitario polo punto quente do quilómetro 16 sorprendendo ao ciclista co que estaba igualado a puntos, a Jorge González (Gomur). Os tres portos puntuables da etapa atopábanse unha vez atravesado o seu ecuador e nesa primeira parte formouse unha fuga de catro unidades: Unai Aznar (Finisher), David Chamorro (Bicicletas Rodríguez), Owen Lightfoot (Maglia Tecnosylva) e Yago Segovia (Nesta MMR).
O cuarteto desfrutou dunha máxima diferenza de 3 minutos e 30 segundos, liderando a carreira no alto de Pé da Moa e na Meta Volante de Pontecaldelas. Cando a súa vantaxe empezaba a caer en picado uníuselles Raúl Bastida (Telco’m), grazas a unha fantástica cabalgada en solitario, e posteriormente David Pollán (Lasal Cocinas-Louriña) e Jorge González na aproximación ao porto de Lago de Castiñeiras. Nesa ascensión de 2ª categoría a Volta a Galicia saltou polos aires.
Samuel Fernández, segundo na xeral a 2” da camisola amarela, cambiou o ritmo no pelotón. Adiantou aos escapada e só o puido seguir Daniel Cavia. Os dous coroaron cuns segundos de marxe respecto ao grupo do líder no que o Padronés-Cortizo mantiña o bloque con catro representantes e no que non estaba Pablo Ara (Vigo-Rías Baixas), o terceiro implicado na pechada pugna polo amarelo. Martín Rey quedouse no descenso sen a axuda do seu compañeiro guatemalteco Sergio Chumil, cuarto na xeral, que se saíu da estrada nunha baixada nada doada que a chuvia complicou aínda máis.
Sobre ese asfalto esvaradío Fernández mantivo a súa ambición e soltou a Cavia. O asturiano do Caja Rural – Alea ía desatado e no alto de O Pituco, co seu cumio a 9 km da liña de meta, desmontou o traballo en equipo do Padronés-Cortizo, tendo que reaccionar o líder de xeito individual. A baixada cara Pontevedra arrancouna cunha renda lixeiramente superior ao medio minuto. Por detrás, Rey recuperou a dous compañeiros, pero o vilagarcián presentouse nas rúas da Boa Vila coa xeral virtualmente perdida. Aí foi onde o ciclista que marchaba á fronte da carreira viviu un pesadelo.
A quilómetro e medio para o final, Fernández colleu unha dirección incorrecta nun cruce de rúas. Chegou a botar pé a terra e marcháronselle uns segundos de ouro que deron vida aos seus perseguidores. Rey e Cavia saltaron xusto a tempo para atrapar ao representante do Caja Rural - Alea nos últimos 50 metros. O castelanleonés cruzou a meta festexando o seu triunfo na etapa e a súa roda o galego pechando o puño como gañador da Volta. O asturiano entrou terceiro e cheo de rabia.
Fernández, segundo na xeral a 2” e vencedor da Montaña, deu un exemplo de deportividade no podio felicitando a Rey. O terceiro chanzo ocupouno o mexicano Édgar Cadena (Telco’m). O líder final tamén recolleu as camisolas de mellor sub23 e primeiro galego, así como o premio da táboa por equipos xunto aos seus compañeiros do Padronés-Cortizo. O maillot das Metas Volantes recibiuno Jason Huertas.
Desde o 2017 un galego non se adxudicaba a xeral da Volta. O último fora Martín Lestido e anteriormente conseguírano Samuel Blanco (2016), Enrique Salgueiro (2009) e Luís Fernández Oliveira (2004). Todos eles chegaron ao pelotón profesional.
Entre as autoridades que lle entregaron os trofeos a Rey estivo o seu veciño Gustavo César Veloso, a quen se lle dedicou este ano a Volta. O excorredor profesional e actual director do conxunto portugués Tavfer-Ovos Matinados-Mortágua foi homenaxeado nun fin de festa que tampouco se perderon José Ramón Lete Lasa, Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra; Pedro Alfaro, por parte da axencia de viaxes B The Travel Brand; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego.
Komentarze