top of page

Martín Rey resiste na exhibición de Édgar Cadena en A Pobra de Trives

O mexicano do Telco’m apuntouse a tirada raíña tras atacar a 60 quilómetros da meta e o arousán do Padronés-Cortizo chega de amarelo á ultima etapa



A XXI Volta a Galicia alcanza este domingo o seu cuarto e derradeiro asalto con todo por decidir. Martín Rey (Padronés-Cortizo) lidera unha clasificación xeral na que os tres primeiros están separados por tan só cinco segundos. O arousán presentarase vestido de amarelo en Pontevedra despois de defenderse con éxito este sábado no recital ofrecido polo mexicano Édgar Cadena (Telco’,m), o gañador en solitario na localidade ourensá de A Pobra de Trives.

A etapa raíña da Volta a Galicia que homenaxea a Gustavo César Veloso respondeu ás expectativas xeradas. Do mesmo xeito que na véspera camiño de A Pobra do Brollón, non houbo que agardar ao treito final do itinerario para que os corredores máis fortes do pelotón pasaran ao ataque. Nesta ocasión o gran protagonista no percorrido de 131 quilómetros pola zona oriental da provincia de Ourense foi o azteca Cadena, quen inesperadamente na xornada anterior non estivera entre os mellores.

O representante da formación navarra do Telco’m saíu con gañas de resarcirse e no primeiro dos tres altos puntuables, o da Ermida de 3ª categoría no km 6, fixo terceiro nun paso que se anotou Diego Uriarte (Finisher). O pelotón alcanzou compacto a Meta Volante da Rúa, no km 16, con Jason Huertas (Lasal Cocinas – Louriña) sendo o máis rápido e na primeira hora de competición completáronse 46 quilómetros. A carreira chegou lanzada á subida de A Moá, o porto máis esixente desta Volta, que coroou lixeiramente destacado Daniel Calvia (Gomur).



Máis decisiva que as ramplas da ascensión de 1ª categoría resultou o constante sobe e baixa posterior. Nunha das innumerables costas arrancou dende o pelotón Cadena, a 63 quilómetros para o final da xornada. O mexicano conectou con Calvia, a quen posteriormente descolgou na subida que conducía á Meta Volante de Chandrexa de Queixa. A partir de aí, o azteca ofreceu unha exhibición en solitario durante 40 quilómetros. Por detrás, saltou o guatemalteco Sergio Chumil (Padronés-Cortizo) para exercer de ponte mentres do grupo do líder tivo que tirar o Vigo-Rías Baixas.

Cadena, ao máis puro estilo Remco Evenepoel, mantivo un ritmo constante na súa cabalgada. Só cedeu algúns segundos nas ramplas do porto de 3ª categoría no que estaba situada a meta, diante da Casa do Concello da Pobra de Trives. O mexicano, vencedor dunha etapa na Volta a Galicia 2022 e segundo clasificado na xeral, festexou o seu triunfo mandando calar. A 1’31” rematou Chumil, a 1’46” David González (Bicicletas Rodríguez), a 1’52” Luca Bagnara (EOLO KOMETA) e a 2’01” o líder Rey encabezando un quinteto.



Dos catro corredores que se atopaban nun abano de 6 segundos no máis alto da xeral ao inicio da etapa só cedeu o uruguaio Pablo Bonilla (Padronés-Cortizo). O seu compañeiro Rey conserva a camisola amarela, 2” de vantaxe respecto a Samuel Fernández (Caja Rural-Alea) e 5” en relación a Pablo Ara (Vigo-Rías Baixas). Á cuarta praza ascendeu Chumil, a 41” do primeiro posto, quinto continúa Bagnara – a 54”- e sexto colocouse Cadena, a 1’02”. A Rey tamén lle corresponden os maillots de mellor galego e primeiro sub23, a Montaña comándaa Samuel Fernández e nas Metas Volantes ocupa a primeira posición Jorge González (Gomur).



A alcaldesa Patricia Domínguez, o tenente alcalde Aarón Álvarez, o concelleiro de Deportes e deseñador desta tirada Fermín Santoveña entregaron os premios da etapa e xunto a eles participaron na cerimonia de podio Francisco Rodríguez, alcalde de Chandrexa de Queixa; Manuel Pérez, Xefe de Servizo na provincia de Ourense da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego. Noutro acto protocolario, no corte da cinta, estivo presente Gabriel Alén, delegado da Xunta de Galicia na provincia de Ourense.



Desenlace en Pontevedra

A cuarta e última entrega da Volta terá como escenario este domingo a cidade Pontevedra e a súa contorna a partir das 10:00 horas. O percorrido de 133 quilómetros consta de dúas partes moi diferenciadas. Nos primeiros 75 rodarase xunto á costa, pasando pola Meta Volante de Sanxenxo no km 16 para regresar á capital da provincia e afrontar tres altos de montaña.



O primeiro escollo será o alto do Pe da Moa (3ª categoría-km 82), en cuxo descenso pasarase pola Meta Volante de Ponte Caldelas (km 86) e máis tarde encadearanse os ascensos ao Lago de Castiñeiras (2ª-km 112) e O Pituco (3ª-km 124). Dende o cumio do último porto de montaña da Volta restarán 9 quilómetros ata a meta final da Praza de España, no corazón da Boa Vila.


Retransmisión en directo

O desenlace da Volta pode seguirse en directo dende calquera parte do mundo a través da retransmisión en streaming que ofrece SportpublicTV na súa canle de YouTube. Os contidos sobre a rolda autonómica elite-sub23 compártense nas redes sociais co cancelo #VoltaGalicia2023 e toda a información da proba atópase na súa páxina web oficial www.voltagalicia.com

14 visualizaciones0 comentarios
  • Facebook
  • Twitter
  • YouTube
  • Instagram
bottom of page