O mexicano Édgar Cadena confirma o seu gran momento na etapa lucense da Volta Galicia

O ciclista do Telco.On Clima Osés, gañador a pasada semana da Vuelta a Salamanca, bateu en Taboada a Fernando Tercero e a Barry Miller. O líder Alexander White sufriu na Ribeira Sacra para manter a camisola amarela. Este sábado, etapa raíña en Manzaneda




A Volta Ciclista Galicia chega a súa etapa raíña en Manzaneda con todo por decidir na xeral. O líder Alexander White (Lasal Cocinas-Louriña) perdeu a maioría da súa renda este venres na tirada lucense, a máis longa da XX edición da rolda autonómica para corredores Elite-Sub23. O triunfo na localidade de Taboada correspondeu ao vixente campión mexicano sub23 Édgar Cadena (Telco.On Clima Osés), que superou a Fernando Tercero (Eolo Kometa) e a Barry Miller (Vigo-Rías Baixas) no esprint do terceto que se destacou no alto de San Pedro de Líncora, o último porto da segunda xornada.

As fermosas paisaxes da Ribeira Sacra foron o escenario dun percorrido de 163 quilómetros que incluía tres ascensións con puntos en xogo para a clasificación da Montaña. O neozelandés White tomou a saída en Taboada con 1:26 de vantaxe respecto a Carlos Gutiérrez (Aluminios Cortizo) e os movementos dos corredores implicados na loita pola xeral producíronse no treito final dun sinuoso trazado que atravesou trece concellos da provincia de Lugo.


Durante os primeiros 60 quilómetros ningún dos múltiples intentos de escapada se consolidou, sendo Isaac Cantón (Supermercados Froiz) o primeiro en coroar o Alto de Paradela, de 3ª categoría, e Jorge González (Gomur Cantabria) quen abría a carreira na Meta Volante de Sarria. A aventura que sí se estabilizou iniciouna en solitario Álvaro Carasa e máis tarde uníronselle Francisco Rus (Padronés-Cortizo), Ivan Smirnov (Catalunya Barcelona) e Alejandro Gómiz (Supermercados Froiz).

O cuarteto manexaba no km 80 unha diferenza de 2:25 que se disparou aos 6 minutos na Meta Volante de Sober (km 107). A reacción do pelotón liderouna o Eolo Kometa e a vantaxe reduciuse de contado. Os fugados aínda marchaban en cabeza no porto de 3ª categoría de Ferreira de Pontón (km 122), pero foron neutralizados nas primeiras ramplas do alto de San Pedro de Líncora, de 2ª categoría e co seu cumio a 16 quilómetros da meta.

O Eolo Kometa deu continuidade a súa estratexia pasando ao ataque por partida dobre. Os seus corredores Arnau Gilabert e Marcel Camprubí lanzaron unha ofensiva conxunta que un grupo perseguidor moi selecto conseguiu replicar. Antes de comezar o descenso, e mentres o líder empezaba a descolgarse, abriron oco Edgar Cadena, Barry Miller e Fernando Tercero. Os tres conseguiron manter unha mínima vantaxe nuns últimos quilómetros que picaban para arriba e nas rúas de Taboada impúxose o gañador a pasada semana da Vuelta a Salamanca.


O azteca Cadena, cun rexistro de 3:57:09, entrou por diante do manchego Tercero. O americano Miller rematou terceiro e a 11 segundos do gañador cruzaron a meta preto de vinte ciclistas entre os que estaba Carlos Gutiérrez, segundo na xeral. O líder White finalizou nun segundo grupo, a 1:23, e por 14” salvou a camisola amarela.

O neozelandés do Lasal Cocinas Louriña tamén conserva o maillot da Montaña e de primeiro Sub23. Tampouco hai cambios nas Metas Volantes, clasificación que continúa comandada por Jorge González (Gomur Cantabria), nin na táboa do mellor galego con Manuel Rodríguez (Supermercados Froiz) ao fronte. Na entrega de premios no podio participaron Efrén Santos, deputado de Deportes da Deputación de Lugo; Ramiro Moure, alcalde de Taboada; Dulce Montes, concelleira de Deportes e Cultura; Manuel Otero ‘Cadramón’, xefe de servizo de Deportes da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia en Lugo; Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego; Pablo García, representante de Victory Endurance; e Manuel Tanoira, xefe de ventas de Toyota Compostela Móvil.



Manzaneda

Este sábado o pelotón da Volta Galicia afrontará na provincia de Ourense a penúltima xornada, a máis esixente da actual edición. A Estación de Montaña de Manzaneda será o punto de inicio e de conclusión dun percorrido de 114 km no que se acumulan máis de 3.000 metros de desnivel positivo. Esta etapa reservada para escaladores resolverase a 1.484 metros de altitude e tras superar unha ascensión final de 12 quilómetros cun desnivel de preto do 7 %.

Ás 11:55 horas está fixada a saída neutralizada desde a estación de montaña ourensá. O trazado da tirada discorre por nove concellos do oriente da provincia -Trives, Larouco, Petín, A Rúa, Vilamartín, O Barco, A Veiga, O Bolo e Manzaneda-, estando prevista a chegada en torno as 15,30 horas. Ademais do último porto, de 1ª categoría, os ciclistas subirán os altos de 2ª categoría da Portela (km 45) e de Soutipidre (km 95). As Metas Volantes disputaranse no Barco (km 29) e a Veiga (km 67).



Cadena: “Esperamos obter o liderado”

“Tivemos boas sensacións e saíu o resultado de gañar a primeira etapa. A fuga de onte puxo a carreira patas para arriba e hoxe había que rematar. Ao final houbo ataques no último porto e puidemos gañar a etapa. Mañá esperamos obter o liderado ou estar cerca del. O obxectivo do equipo é gañar a Volta. Esta é unha das roldas máis duras que corrín”.

0 visualizaciones0 comentarios