top of page
errepetres

O neozelandés Alexander White vence en solitario na apertura da Volta Galicia en Poio

O corredor do Lasal Cocinas-Louriña impúxose con 1:26 de vantaxe sobre Carlos Gutiérrez (Cortizo) tras ser o máis forte dunha escapada que se formou de saída.



Triunfo oceánico no arranque da XX edición da Volta Galicia. O neozelandés Alexander White deulle este xoves a vitoria ao Lasal Cocinas-Louriña nos 158 quilómetros con saída e chegada na localidade pontevedresa de Poio, unha etapa marcada por unha fuga inicial que aproveitou o vencedor da xornada. O primeiro líder da carreira defenderá a camisola amarela este venres na provincia de Lugo. Con 117 ciclistas en liza o pelotón da rolda galega Elite-Sub23 púxose en marcha en Combarro e durante o percorrido neutralizado fixo un alto diante das instalacións de Distribuciones Froiz para homenaxear a Magín Froiz. A Federación Ciclismo Galego, a través do seu presidente Juan Carlos Muñiz, entregou un recordo aos fillos do fundador da empresa alimenticia e apaixonado do mundo da bicicleta. Un sentido tributo para un referente económico e social de Galicia.

O primeiro punto quente do día era a Meta Volante de Samieira no quilómetro 10, por onde xa rodaban cuns metros de vantaxe un grupo de oito escapados. Esta fuga estaba composta por Francisco Muñoz (Eolo Kometa), Diego Ruiz de Arcaute (Caja Rural-Alea), Jorge González (Gomur Cantabria), Daniel Jiménez e Manuel Rodríguez (Supermercados Froiz), Nicolás Antorena (Vigo-Rías Baixas), Arseni Nikiforov (Catalunya Barcelona) e Alexander White. A diferenza non parou de medrar ata alcanzar os 8 minutos e 20 segundos no cumio da subida coñecida como o Mini Tour (km 69). Intercalados entre os oito de cabeza e o pelotón circulaba a 2.30 un quinteto formado por Alex Hoehn e Álvaro Torrella (Drone Hopper-Gsport-Grupo Innova Tormo), Carlos Gutiérrez (Padronés-Cortizo) e Lev Gonov e Nikita Bersenev (Catalunya Bersenev). Tras pasar pola Meta Volante de Vilagarcía (Km 98) rachouse a unidade no grupo que abría a proba, marchándose White, Rodríguez e Nikiforov. O corredor sub23 neozelandés foi o máis forte dos tres nas ramplas da subida á Escusa, porto de 1ª categoría co seu cumio a 18 km da meta en Poio. Por detrás, un integrante do grupo intermedio, Gutiérrez, adiantou ao resto de corredores da fuga inicial, pero non puido alcanzar a White. O representante do Lasal Cocinas-Louriña do Porriño estreou o marcador de vitorias do seu equipo na Volta Galicia vencendo cun tempo de 3:54:37 e vestiuse coa primeira camisola amarela de líder. A 1:26 do neozelandés rematou Gutiérrez, a 1:50 Gonov, a 2:14 Hoehn e a 2:26 entrou o pelotón con Samuel Fernández (Caja Rural-Alea) ao fronte. Na cerimonia de premios White pisou catro veces o podio: gañador da etapa, líder, mellor Sub23 e Montaña. A camisola de Metas Volantes recibiuna Jorge González e a de primeiro galego Manuel Rodríguez. Os encargados de entregar os trofeos foron Luciano Sobral, alcalde de Poio; Marga Caldas, concelleira de Deportes; Julio Casas, membro da corporación municipal; Francisco Albar, presidente do Poio Bike Club; Diego Calvo, vicepresidente segundo da Xunta de Galicia; Daniel Benavides, xefe de servizo da Secretaría Xeral para o Deporte en Pontevedra; e Manuel Tanoira, director comercial de Toyota Compostela Móvil.

Segunda etapa A caravana da Volta Galicia desprázase á provincia de Lugo para que Taboada sexa este venres o epicentro da segunda xornada. O percorrido de 163 km, o máis longo desta edición, comezará ás 12:00 horas e conta con dous portos de 3ª categoría, alto de Paradela (km 39) e Ferreira de Pantón (km 122), e un de 2ª categoría, San Pedro de Líncora (km 147), que os ciclistas superarán tras pasar por Belesar e que pode marcar o desenlace da etapa, cun final en subida. As Metas Volantes situaranse en Sarria (56) e Sober (107).




Alexander White: “Ataquei a 40 quilómetros e só pensei en rodar forte” O ciclista do equipo porriñés Lasal Cocinas-Louriña, Alexander White foi o primeiro vencedor da Volta a Galicia 2022 en Poio. Sobre en que momento decidiu atacar, Alexander comentou: “Non pensei en que me atraparan. Concentreime en rodar forte, coa cabeza baixa, dende que ataquei a 40 quilómetros. Na montaña prefiro ir só, no meu propio ritmo e foi o que fixen”. Ademais, o corredor neozelandés asegurou quedar abraiado coa paisaxe galega: “Galicia é o sitio máis fermoso do mundo. O percorrido da etapa foi moi bonito nunha etapa moi dura e dinámica, non coñecía o porto final pero foi duro”. Sobre se pode gañar esta edición da Volta, White é prudente: “Hai moitos días por diante, estou moi ledo polo de hoxe, máis hai que ir día a día e veremos ao final” Por último, o ciclista de 20 anos lembrou que vén de caer o domingo en Valencia: “As miñas sensacións hoxe foron moi boas, aínda que o domingo fun ao chan. Fun capaz de recuperarme ben, descansar e chegar aquí e gañar para acadar a camisola amarela, a de montaña e a dos sub- 23”

16 visualizaciones0 comentarios

Comments


  • Facebook
  • Twitter
  • YouTube
  • Instagram
bottom of page