O oscense do Vigo-Rías Baixas resolveu ao seu favor a fuga que lle deu o primeiro posto da xeral ao arousán do Padronés-Cortizo
Catro corredores deron este venres un golpe de efecto na segunda xornada da Volta a Galicia. Os máis beneficiados do cuarteto que se presentou na liña de meta da localidade lucense de A Pobra do Brollón foron o oscense Pablo Ara (Vigo-Rías Baixas), gañador da etapa, e o arousán Martín Rey (Padronés-Cortizo), novo líder da xeral. A rolda autonómica para ciclistas elite-sub23 vivirá este venres a súa tirada raíña na provincia de Ourense, con saída e chegada en A Pobra de Trives.
O Finisher, o conxunto navarro que asinara unha tripla encabezada por Diego Uriarte no prólogo inaugural da Volta en A Pobra do Brollón, quedou totalmente descartado da loita pola camisola amarela no montañoso percorrido de 148 quilómetros polas comarcas de Sarria e de Terras de Lemos. O primeiro dos tres altos puntuables, o de Oural (3ª categoría) no km 21, coroouno en primeira posición Thomas Lightfoot (Maglia Tecnosylva). Dez quilómetros despois, Jorge González (Gomur) impoñía a súa punta de velocidade na Meta Volante de Sarria no km 31 na antesala de que se formara a fuga da xornada.
Vojtech Kminek (Padronés-Cortizo), Alain Suárez (Gomur Cantabria), Kevin Suárez (Nesta MMR), Ángel Maneiro (Supermercados Froiz) e Sergio Ginés (High Level – Gsport – Grupo Innovo Tormo) abriron oco á altura do km 36. O quinteto chegou a gozar dunha diferenza de 4 minutos e mantívose unido ata as ramplas finais do Alto da Casela (2ª), onde se descolgou o corredor checo da formación de Padrón.
Subida a Airapadrón
Maneiro pasou polo cumio, no km 103, comandando o grupo e foi o integrante da fuga que chegou máis lonxe na cabeza da carreira. Ao noiés atrapouno primeiro Hugo de la Calle (Caja Rural – Alea) e no treito final da subida a Airápadrón, de 1ª categoría, sumáronselles catro corredores.
Nin Maneiro nin De La Calle resistiron o ritmo dos ciclistas chegados dende o grupo principal e o descenso de Airapadrón, a 28 km da meta, iniciárono liderando a carreira o asturiano Samuel Fernández (Caja Rural – Alea) e Pablo Ara cunha mínima diferenza sobre Martín Rey e o uruguaio Pablo Bonilla (Padronés-Cortizo). Os catro reagrupáronse na baixada e a falta de entendemento no selecto grupo de perseguidores permitiulles acumular unha vantaxe lixeiramente superior ao minuto.
O triunfo parcial decidiuse na aproximación a A Pobra do Brollón. Bonilla intentou sorprender e atopouse o contraataque de Ara. Ningún dos seus tres acompañantes conseguiu coller a roda do vixente campión elite de Aragón, que ergueu os brazos con 1 segundo de marxe en relación a Fernández e Rey, segundo e terceiro respectivamente, e con 6” sobre Bonilla. Un grupo de 15 unidades entrou a 1 minuto do gañador.
A xeral queda moi apertada nos seus catro primeiros postos. Rey avantaxa en 1” a Fernández, en 4” a Ara e en 6” ao seu compañeiro Bonilla. O quinto clasificado, Luca Bagnara (EOLO KOMETA), xa está a 1’02” do novo líder. O arousán do Padronés-Cortizo recibiu no podio a camisola amarela e tamén a de mellor galego e primeiro sub23. A das Metas Volantes corresponde a Sergio Ginés e a da Montaña a Fernández. Os premios na Pobra do Brollón entregáronos Efrén Castro, vicepresidente da Deputación de Lugo e deputado provincial de Deportes; Xose Lois Maceda, alcalde da vila anfitrioa; Ricardo Rodicio, concelleiro de Deportes; e Juan Carlos Muñiz, presidente da Federación Ciclismo Galego. Xunto a eles estivo no corte de cinta Manolo Cadramón, Xefe de Servizo na provincia de Lugo da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.
Etapa raíña
A montaña continuará este sábado na Volta coa súa tirada raíña. Serán de novo 148 km e tres portos puntuables, nesta ocasión pola zona oriental da provincia de Ourense. A saída darase en A Pobra de Trives ás 12:00 horas. O pelotón comezará a rodar nun descenso neutralizado, que deberán lembrar ben os ciclistas xa que en dirección contraria, é dicir cara arriba, serán os últimos 6 quilómetros do día. Tras acabar ese tramo agradable, rapidamente cambiará a situación, coa primeira dificultade no Alto de A Ermida (3ª-km 6). A baixada deixará a carreira en A Rúa e a Meta Volante (km 16), aos que seguirán uns 30 quilómetros bastante cómodos. Iso si, ao acabar esa parte, xa non haberá descanso durante os seguintes 85 ata a meta.
Os 8 quilómetros ao 9% de desnivel do Alto de A Moá (1ª-km 53) garanten batalla no porto máis esixente desta edición da Volta. A dureza da xornada non remata aí. Os corredores deberán superar unha infinidade de costas e no medio delas atoparanse a Meta Volante de Chandrexa de Queixa (km 92). O regreso a A Pobra de Trives conclúe nunha ascensión de 6 km e no centro da vila estará a liña de chegada.
Retransmisión en directo
As etapas da Volta a Galicia poden seguirse en directo dende calquera parte do mundo a través da retransmisión en streaming que ofrece SportpublicTV na súa canle de YouTube. Os contidos sobre a rolda autonómica elite-sub23 compártense nas redes sociais co cancelo #VoltaGalicia2023 e toda a información da proba atópase na súa páxina web oficial www.voltagalicia.com
Comments