top of page

SAÚDAS

Calvo Pouso, Diego.jpg

SAÚDO DO VICEPRESIDENTE 2º
CONSELLEIRO DE DEPORTES
XUNTA DE GALICIA,
DIEGO CALVO

Galicia é un lugar idóneo para a práctica do ciclismo e as probas deportivas relacionadas con
este deporte que acolle a comunidade son un perfecto escaparate para dar visibilidade ás
paisaxes da xeografía galega polas que transcorre cada etapa.


Así o comprobamos o ano pasado coas tres etapas pola comunidade de La Vuelta ou o pasado
febreiro con “O Gran Camiño”, cun importante impacto mediático en ambos casos.
A Volta Ciclista a Galicia é unha nova oportunidade para situar a nosa comunidade como
reclamo turístico ao reunir aos mellores deportistas e equipos da categoría.
Celebramos a 20 edición desta competición da categoría elite sub-23 considerada unha proba
clásica e un referente do calendario español dende a primeira edición de 1933.


Con case 600 quilómetros en catro etapas dende a súa saída no concello de Poio o 15 de
setembro, ata a súa chegada o 18 no concello de Ponteareas percorrerá incribles recunchos da
xeografía galega como Taboada e Manzaneda, puntos de saída das dúas etapas restantes.
Partirá de Poio, localidade natal de Magín Froiz, ao que este ano esta proba rende unha
merecida homenaxe. Polo seu papel como gran impulsor do ciclismo en Galicia desde o Grupo
Deportivo Supermercados Froiz e polo seu apoio a diferentes eventos deportivos.
Esta nova edición non vai deixar indiferente a ninguén e os competidores dos 18 equipos
participantes pedalearán pola vitoria en cada unha das etapas. Desde a Xunta, un ano máis,
mostramos o noso apoio e colaboración incondicional con esta competición tan consolidada.
A XX Volta Ciclista a Galicia non só é unha ocasión ideal para dar a coñecer e promocionar o
noso territorio. No ámbito deportivo, nas súas dúas décadas contribuíu ano tras ano ao auxe
continuo do ciclismo galego.


Contamos cunha afección cada vez maior neste deporte, en parte, grazas a nomes como
Gonzalo Aguiar, Álvaro Pino ou Óscar Pereiro, que son os mellores embaixadores do ciclismo
galego e de Galicia e serven de referentes ás futuras xeracións.
Tamén esta Volta Ciclista a Galicia conta no seu palmarés nas súas 20 edicións con vencedores
ilustres do panorama nacional e internacional.


Un ano máis desfrutaremos da festa do ciclismo galego que chega ao seu 20 aniversario grazas
ao traballo de todos os deportistas, clubs, federacións e institucións que fixeron que fose
posible que se puidese levar a cabo durante tantos anos.


Ao igual que as forzas e corpos de seguridade e os servizos de emerxencias que sempre velan
para que todo o mundo poida desfrutar dun evento seguro.


Longa vida ao ciclismo galego.

Diego Calvo,
Vicepresidente 2º da Xunta de Galicia
Conselleiro de Deportes

bottom of page