top of page

SAÚDAS

Cristina Fernández Davila, alcaldesa Ponteareas.jpg

SAÚDA DA ALCALDESA DE PONTEAREAS, GRISTINA FERNÁNDEZ DAVILA, VOLTA GALICIA 2022

Aproveito a oportunidade que me brinda a XX Volta Ciclista a Galicia para dirixirme a todas as persoas seguidoras do ciclismo dende Ponteareas, a vila ciclista por excelencia, berce de grandes referentes coma Álvaro Pino ou os irmáns Rodríguez Barros, que foron exemplo a seguir para moitos outros ciclistas.


Ponteareas estará por sempre presente na Volta a Galicia grazas ao éxito de Emilio Rodríguez Barros, que acumula o récord de vitorias desta proba. Ademais, no 1947, proclamouse campión seguido na clasificación polos seus irmáns Manuel e Delio, logrando así que Ponteareas tivese o pleno no podio tras dous anos ocupando xa as
dúas primeiras posicións.


Ter a honra de ser neste 2022 a etapa que defina esta proba deportiva vaime permitir recoñecer o traballo e esforzo da Federación Galega de Ciclismo, coa que traballamos man a man durante todo o ano para a promoción deste deporte en Ponteareas e que ademais permite poñer en valor os recursos turísticos e os espazos naturais que forman parte do noso Concello.


Grazas á Volta a Galicia, teremos a oportunidade de admirar no noso municipio o esforzo dos deportistas que durante catro días farán que en todo o País esteamos pendentes do percorrido nas distintas etapas, así como dos resultados. Pero ademais, dará a coñecer fóra do noso territorio imaxes dun entorno natural excepcional, vertebrado polo Río Tea, que pertence á Rede Natura 2000 e que forma parte dun conxunto paisaxístico que convidamos a coñecer e gozar.


Quero, pois, agradecer a aposta da Federación por contar con Ponteareas por segundo ano consecutivo e coa nosa colaboración, conscientes que que as veciñas e veciños desta vila amosarán todo o noso cariño e entrega nestas xornadas, como non podía ser doutro xeito nunha localidade que é piar fundamental para o ciclismo galego.


Moita saúde e desfrutade desta nova edición da XX Volta a Galicia!

bottom of page