SAÚDAS

FotoLete.jpg

SAÚDO DO SECRETARIO XERAL PARA O DEPORTE,JOSÉ RAMÓN LETE LASA, CON MOTIVO DA XIX VOLTA CICLISTA A GALICIA

Tras o seu paso por Castroverde, Lugo, Sarria, Monforte de Lemos, Sanxenxo, Pontevedra, Redondela, O Porriño, Baiona, Mos e tan só once días despois da contrarreloxo final entre Padrón e Santiago, a Vuelta Ciclista a España máis galega no Ano Santo Xacobeo dará paso á proba ciclista da nosa autonomía por excelencia: a Volta Ciclista a Galicia que xa transcorre pola súa décimo novena edición.

 

Unha densa traxectoria de éxitos consumados que ben vale a pena celebrar cunha sentida homenaxe a todos os nosos devanceiros. Foi en 1887 cando oito ciclistas mostraron na Alameda de Vigo as súas habilidades enriba dunha bicicleta para darlle forma á primeira proba ciclista celebrada en Galicia. Dende aquela, moito teñen cambiado as cousas no deporte e, especialmente, nesta última tempada na que tivemos que combater unha pandemia.

 

Por iso, a XIX Volta Ciclista a Galicia é unha homenaxe.

 

Unha homenaxe a Álvaro Pino, cando se cumpren 35 anos da súa vitoria na Vuelta Ciclista a España, e como non, a Delio Rodríguez, o maior triunfador da ronda española con 39 vitorias de etapa. Os dous célebres ponteareáns danlle sentido á primeira etapa prólogo, que se levará a cabo integramente en Ponteareas.

 

Unha homenaxe ao protagonismo do ciclismo galego no panorama nacional, como amosa o Campionato de España que acolleu Mondariz en 1988. No municipio afamado polas súas augas e polo seu balneario remata a segunda etapa tras pasar tamén polos concellos de Ponteareas, Porriño, Salceda de Caselas, Tui, Salvaterra, As Neves, Arbo, Crecente e A Cañiza.

 

Unha homenaxe a todos os galegos e galegas, a todos os espectadores, a todos os amantes do ciclismo que tamén sufriron as consecuencias da crise provocada polo coronavirus e que volverán ver pasar a serpente multicolor galega por diante das súas casas nos concellos de Muras, Ourol, Viveiro, O Valadouro, Alfoz, Mondoñedo, Abadín e Vilalba na terceira etapa e nos de Cariño, Ortigueira, Mañón, Cerdido e Cedeira, na cuarta e última etapa desta Volta.

 

Pero sobre todo a todos os que traballaron porque isto fora posible: aos deportistas, aos clubs, ás federacións, ás institucións. A todos os que puxemos o noso grao de area para levar adiante o deporte galego en todas as súas formas e todas as súas vertentes.

 

Un traballo que hoxe representan eses 119 corredores de 17 equipos de toda España entre os que destacan os nove conxuntos galegos.

 

Un traballo que hoxe representa a federación galega, que volve celebrar con ilusión e profesionalidade a súa gran competición.

 

E un traballo que tamén representa a Xunta, pendente de que se cumpran os protocolos, as medidas de seguridade e que  aposta, como apostará sempre, polo deporte feito en Galicia, polo deporte galego que salva vidas.