top of page

SAÚDAS

Foto Presidente.JPEG

SAÚDA DO PRESIDENTE DA FGC, JUAN CARLOS MUÑIZ,  VOLTA GALICIA 2021

A Volta Ciclista a Galicia alcanza a súa XX edición consolidada como unha das roldas de referencia no calendario elite-sub23 da Real Federación Española de Ciclismo. Sirva como exemplo para avalar o seu prestixio o acontecido o ano pasado, unha carreira que entre os seus protagonistas principais tivo a varios corredores que na actualidade compiten a nivel profesional. O espectáculo e a calidade sempre están garantidos nun evento que a Federación Ciclismo Galego prepara co máximo mimo.


O ano que transcorreu dende a última edición non foi nada doado. Perdemos a figuras históricas, personalidades insubstituíbles pola paixón e apoio que brindaron ao noso deporte durante décadas. Un deles foi Magín Froiz. A súa empresa leva 34 anos apostando polo ciclismo e dando nome ao Grupo Deportivo Supermercados Froiz. Por iso, é de xustiza dedicarlle esta edición e que a Volta arranque na súa casa, no concello de Poio.


As catro etapas celebrarémolos en escenarios especiais. A segunda, en Taboada, percorrerá as estradas lucenses, unha provincia na que o ciclismo non deixa de medrar a todos os niveis. Ao día seguinte, chegará a tirada raíña na Estación de Montaña de Manzaneda, un enclave máxico que este ano se consolidou como a capital autonómica do Descenso BTT. E por último, a Volta concluirá nun berce de campións. En Ponteareas, na vila natal dos irmáns Rodríguez e de Álvaro Pino (tamén de Borja Gómez Méndez), coroaremos a todos os gañadores.


A Volta non sería posible sen a Xunta de Galicia, os concellos que nos acollen e todas as empresas que aportan o seu patrocinio. Grazas a súa confianza e á colaboración das forzas de orde e seguridade, podemos ofrecer unha competición de alto nivel e na que sobre todo buscamos que os corredores, técnicos, auxiliares e o público se sintan a gusto e desfruten da bicicleta.


Benvid@s á Volta Ciclista a Galicia. Moita sorte e que triunfe a deportividade.

 

bottom of page