SAÚDAS

manuel-requeijo-alcalde-muras.jpg

SAÚDA DO ALCALDE DE MURAS, MANUEL REQUEIJO ARNEJO, VOLTA GALICIA 2021

Este 2021, Muras ten o privilexio de ser saída e chegada da terceira etapa da XIX Volta ciclista a Galicia.

Como alcalde do concello, e en nome dos veciños e veciñas, quero dar a benvida a toda a gran familia que forma a caravana deste evento deportivo, referente a nivel estatal, esperando que os quilómetros finais da etapa nos fagan vivir un día  espectacular para o ciclismo.

Dende o corazón da Serra do Xistral, nas Highlands galegas, queremos aproveitar esta oportunidade para dar a coñecer a nosa riqueza medioambiental e paisaxística, únicas en Galicia. E tamén a nosa arquitectura tradicional salpicada de cruces, cristos, cruceiros, pontes... elementos que fan único ao Concello de Muras. Espero que os visitantes que recibamos ese día gocen da variedade e riqueza da nosa hostalería e da hospitalidade dos meus veciños e veciñas.

Ser saída e chegada dunha etapa é un orgullo para min e para o concello ao que represento, xa que converte a este concello rural no epicentro dunha proba deportiva de envergadura.

As posibilidades de promoción que ofrece unha cita deportiva desta índole permite dar a coñecer todas as actividades turísticas que temos en Muras. Destaca a Romaxe Artesá da Chaira, a Feira do Poldro e Gando do Monte -declarada de Interese Turístico Galego- e a Feira do Mel de Montaña. E se a isto unimos as posibilidades que ofrece a baixa contaminación lumínica dos nosos ceos para a contemplación das estrelas , somos dende o ano 2019 Concello Starlight, atopámonos cun gran potencial que queremos ofrecer a todos aqueles que nos visiten.

Non me queda máis que agradecer aos organizadores por elixir ao Concello de Muras para ser a saída e chegada desta terceira etapa da XIX Volta Ciclista a Galicia. Vémonos en Muras!